A Vigo Cup arrinca este luns co torneo de fútbol sala e amosa ser o trofeo "número 1 nacional" do verán en canto á participación

Imprimir

IMG 0458O alcalde de Vigo presentou hoxe a edición 2019 da Vigo Cup, o torneo internacional de fútbol base que este ano vaise disputar do 24 de xuño ao 7 de xullo, coa primeira semana para o fútbol sala (24 ao 30), coma sucedeu os dous anos pasados, e a segunda para o fútbol 7 e fútbol 11. Un total de 241 equipos pelexarán polos títulos, dende sub-6 a sub-16 en fútbol sala, de sub-6 a sub-12 e féminas en fútbol 7 e cos sub-14 e sub-16 disputando o fútbol 11.

Acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, por patrocinadores (New Balance, Vitrasa, Frutas Nieves e Hyupersa Vigo), dirixentes da Real Federación Galega de Fútbol (Fernando Iglesias e Delfín Alonso), do colexio de árbitros (Jorge Cendón) e presidentes dos clubs (Begoña Aldao polo Sárdoma e Daniel Costas polo Balaídos), "colaboradores imprescindibles na organización e na cooperación do evento", indicou o rexedor, este apuntou que "nos gusta a cooperación co privado e non tanto pola achega orzamentaria senón para seguir estando xuntos; gústanos que vaia o público e o privado xunto".

Caballero explicou que o campionato rondará preto dos 4.000 participantes entre as tres modalidades. "Gustaríame saber cantas competicións se fan neste país nas que participen case 4.000 deportistas", incidiu. "É unha mobilización deportiva extraordinaria e é un inmenso evento deportivo", concluíu. "Isto é colosal", dixo na súa intervención.

O campionato desenrolarase no complexo das Travesas (Pavillón Central e Pista Vermella) e nos pavillóns de Navia, Coia e O Berbés para o torneo de fútbol sala, e os campos de fútbol das Travesas, Navia, Samil, ETEA, O Vao e o Federativo de Coia no caso do fútbol 11 o do fútbol 7. Haberá máis campos municipais no cadro da competición, pero "algúns están en remodelación e verémolos sobre a marcha. É o que ten remodelar todos os campos e hai que contar cos calendarios de obra", dixo o xefe do goberno municipal.

Con 45 clubs de Vigo, O Porriño, A Guarda, Redondela e Ponteareas, ademais de media ducia de equipos de Dubai -repiten por segundo ano consecutivo-, o torneo traerá unha morea de xogadores europeos, fillos de traballadores que se atopan en Dubai e xogan coa Spanish Soccer School. "Gustoulles moito, repiten e estamos encantados; agrádanos que veñan e que manifestaran expresamente que virán visitar as Cíes", lembrou Caballero.

Co patrocinio do Concello de Vigo, o torneo internacional conta co apoio dun importante grupo de sponsors privados (Gadis, Faro de Vigo, PSA Groupe, New Balance, Frutas Nieves, Hyupersa Vigo, Naviera Mar de Ons, Vitrasa e Coca-Cola).

Belarmino Alonso, “Milucho”, en representación da organización (acudiron tamén Juan Fernández e Javier Salgado pola banda do fútbol sala), incidiu no apuntado polo alcalde en canto aos equipos de Dubái: “O primeiro que nos dixeron cando os invitamos o pasado ano foi que querían coñocer as Cíes; son uns embaixadores nosos fenomenais”. Ademais, mantivo que o torneo vigués e a nivel nacional “o número 1 en cantidade de xogadores e xogadoras” ao reunir a tódolos equipos ao tempo, e destacou “a colaboración de todo o fútbol modesto de Vigo, da RFGF e dos árbitros” para que o campionato sexa, de novo, “un éxito”.

As finais de fútbol sala están previstas para o día 30 no polideportivo de Navia; as de fútbol 11 e fútbol 7, repartidas entre Samil (sábado 6) e O Vao (domingo 7), campo tamén elixido para as finais do Trofeo New Balance de penaltis. O torneo é mixto dende sub-6 ata sub-12, mentres que en fútbol 11 sub-14 e en sub-16 as categorías xa son separadas. Haberá, en fútbol sala e fútbol 7, torneo feminino.

Tamén a organización ven de destacar os valores lúdico-culturais da Vigo Cup, ao contar coa posibilidade de visitar Vigozoo, ás Cíes ou o museo Quiñones de León, ter descontos en Telepizza ou en actividades de ocio coma o paintball ou o popular “Humor Amarillo”. Como tódolos anos, os participantes acreditados poderán desprazarse aos campos no servizo público de transporte urbán grazas ao apoio de Vitrasa.