Diferente sorte para os equipos Siareiros esta fin de semana

Imprimir

amfivO Amfiv pechou a tempada 15/16 cun novo triunfo ante o Joventut (77-33) para despedirse con bo sabor de boca da súa afección e poñer o punto e final a unha campaña na que o estraño sistema de competición condenou aos vigueses a disputar a Fase pola Permanencia, a pesar de contar con bastantes máis vitorias que outros conxuntos que están a pelexar polo título.

Na loita por continuar a próxima tempada na máxima categoría nacional, o Amfiv non tivo problema ningún para asegurar a permanencia e finaliza invicto tras desfacerse este sábado dun Joventut xa descendido e que, con algunhas baixas por lesión, se presentou en Bouzas con só cinco xogadores.

O Blusens Networks Universidade de Vigo caeu onte en As Lagoas nun partido moi parello ante o líder e campión da competición regular a falta dunha xornada da División de Honra B grupo A, o Babyauto Zarautz, por un axustado 21 a 29 que soubo a pouco polo visto no campo de rugby do campus universitario de Vigo. Esta fin de semana os vigueses desprázanse a Oviedo para disputar o último partido de liga.

O Magope Seis do Nadal Coia deu un paso máis no seu obxectivo de concluír a liga na quinta posición. A súa vitoria ante o Saeplast Cañiza, por un claro 34-16, permitiulle aumentar a dous puntos a súa vantaxe sobre os Luceros (que non puido pasar do empate ante o Bueu) e catro sobre o OAR, que sucumbiu na cancha do Atlético Novás. Esta fin de semana volverá xogar en casa. Recibirá ao Servi Auto Bueu Atlético (domingo 12.30 h. Coia).

Derrota de Las Cinco Jotas Unión Balonmán Lavadores na casa do Embutidos Lalinense BM Lalín, por 41 a 28. Os vigueses foron inferiores aos de Lalín durante todo o encontro. Esta semana reciben o E.D. Poio Artai no Pavillón de Lavadores. O partido será este sábado 9 de abril, ás 18.30 h.

O Celta Zorka derrotou o sábado ao segundo clasificado, o Gdko Ibaizabal, por 69 a 59. Décima vitoria do ano e sexta consecutiva para as viguesas que o sábado deron un recital en Navia ante un serio aspirante ao ascenso. Vitoria que confirma o bo momento que vive o equipo que adestra Cristina Cantero. Esta fin de semana enfrontaranse ao ADB Araski Aes a domicilio.

As rapazas do Olivo non puideron cantar o alirón onte no Municipal Pahíño xa que remataron o partido ante a Ave Fénix en táboas (2-2). Fantástico fútbol o que se viviu en Navia a pesar das malas condicións meteorolóxicas. As cántabras anotaron dous goles en dez minutos e mantiveron o tipo ata o asubío final. Esta semana toca xornada de descanso na competición ligueira.

Último partido da tempada como visitante para o Club Vigo que perdeu na cancha do Barcelona (3-1). Encontro difícil para os xogadores vigueses pero, en contra do que esperaba, fixeron un dos mellores partidos da tempada e posiblemente o mellor fora de Vigo. O rival xogou ao máximo para poder derrotar a un conxunto vigués, que foi de menos a mais ao longo do encontro e que non se entregou en ningún momento. Este sábado recibirán ao Club Pacense Voleibol no que será o seu último partido de liga (18 h. Pavillón de Coia).

Táboas para o CD Mosteiro Bembrive de fútbol sala na cancha do Guardo FS (4-4). Os vigueses continúan cuartos na táboa de clasificación con 43 puntos e esta fin de semana recibirán ao CD Universidade de Valladolid, segundos na táboa con 56 puntos. O partido xogarase o sábado ás 18.30 h. no Pavillón de Bembrive.