astravesasO Trofeo Cidade de Vigo de fútbol sala regresa hoxe mércores ao pavillón central As Travesas por terceiro ano consecutivo.

Tras o Amanhã da Criança portugués (2008) e o Inter Movistar, o Xacobeo 2010 Lobelle santiagués é o novo adversario do Coruxo, que estrea adestrador (Javier Cossío) e cinco caras novas.

Este encontro amigable, fixado para as 21:00 horas de hoxe mércores (5€ entrada única, gratis os Siareiros co novo carné Elite 2010/2011), permitirá coñecer a evolución do proxecto vigués na terceira categoría do fútbol sala, a Primeira Nacional A, pero tamén suporá o reencontro coa afección local dun equipo, o santiagués, que namorou As Travesas en xaneiro pasado durante a Supercopa de España.

A diferenza de categoría entre os equipos (División de Honra os de Santiago fronte á 1ª A os de Vigo) é case o de menos, porque o que uns e outros queren é rodarse para a competición oficial e dar espectáculo. Javier Cossío, novo adestrador do Coruxo, explica así o encontro: "Afróntoo como un partido máis da pretempada, porque debe significar iso. Non imos ser moi bos porque fagamos un gran resultado, nin moi malos porque sexa malo", di. O adestrador do conxunto representativo da cidade sabe que o rival, de alcurnia, "leva un mes máis de preparación que nós" e entende que esa é unha vantaxe moi importante. Ademais, ese tempo tamén supuxo non só un maior número de sesións físicas e tácticas senón tamén máis partidos de axuste. O Coruxo xogou un amigable (7-1 ao Enriel F.S., da Autonómica Sur) e o Lobelle disputou seis sen unha soa derrota (catro vitorias e dous empates resoltos na quenda de penaltis) e con adversarios da súa categoría, como o Azkar (4-4), Cartaxena (5-4) ou Santa Coloma (1-1).

"Quédanos moito por traballar e aínda necesitamos un tempo de adaptación, pero quero que neste partido xa se vaian vendo cousas de colocación, de estratexia...". Cossío sabe que unha posta en escena como esta leva un plus de autoesixencia nos propios xogadores, cos que "xa falei deste partido, aínda que antes do encontro fareino de novo. Un exceso de motivación tamén pode ser prexudicial nunha pretempada" en forma de lesións musculares por un arroxo excesivo. E polo de agora todo vai ben.

E para motivación, a de Pola, do Lobelle, que volve unha vez máis a casa, e a de Javi Santos (gran referencia do novo Coruxo) e Mario, que no quinteto vigués  enfróntanse ao seu ex equipo. Precisamente de Pola falou o técnico vigués. Para el, "sen dúbida Pola é a mellor referencia para as categorías base do fútbol sala local. Sen destacar de pequeno dunha forma excepcional é o que chegou máis lonxe. Porque se se traballa, teñen que saír xogadores e Pola debe ser un espello para os mozos".

Este verán o equipo vigués elixiu unha preparación entre "cocos" como o caso do Xacobeo Lobelle e rivais de perfil medio-baixo, como o Pastelería Mimela da Estrada e o ADFS Bueu, ambos de 1ªB, que serán os seguintes opoñentes o sábado 4 e o sábado 11 de setembro, en Vigo e Bueu, respectivamente. "Non me gusta ensinar as miñas cartas en pretempada e por iso non xogamos contra equipos da nosa liga", explica Cossío, que fixa en seis-sete o número de amigables previos ao comezo do campionato, o 18 de setembro.

Pola súa banda, o Lobelle xa xogou contra un rival ligueiro do Coruxo, o Noia, na localidade coruñesa; venceron os de Tomás de Dios por 1-5. En Vigo espérase boa entrada e posiblemente a presenza de afeccionados santiagueses, que acudiron a varios amigables do seu equipo este verán. Ata agora, Narón (A Coruña) e Melide (Lugo) foron os lugares onde se rexistraron as mellores entradas (1.000 espectadores) para ver ao subcampión da Copa do Rei e da Supercopa de España.

Álex (Pinto), Charlie (Gestesa Guadalaxara) e Raúl Campos (Arcebansa Chint Zamora) son as altas do conxunto santiagués respecto da tempada pasada, tendo perdido a Eka (Inter Movistar), Mendiola (Azkar Lugo), ao redondelano Juan Portas (OID Talavera) e a Leitao.

Fútbol sala non Camiño. Este Cidade de Vigo ten outra carácterística, pois se enmarca na campaña do club santiagués de fomentar o Camiño Xacobeo, polo que denominou a súa xira como "Fútbol sala non Camiño" e en cada localidade organiza un campus. Nesta ocasión serán o internacional vigués Adrián Pola e Álex os que impartirán as clases, de balde, ás 18:00 horas na pista Vermella do IMD das Travesas.


Historial Cidade de Vigo

2008. Primeira edición. As Travesas. Partido único. Coruxo, 4 - Amanhã da Criança, 2.

2009. Segunda edición. As Travesas. Formato 3x1. Galicia sub 20, 1 - Coruxo, 0. Inter Movistar, 1 - Galicia sub 20, 0. Coruxo, 1 - Inter Movistar, 3.


A pretempada do Lobelle Santiago

Melide (Lugo). Melide, 0 - Autos Lobelle, 12.
Melide (Lugo). Autos Lobelle, 4 - Azkar Lugo, 4.
Trabada (Lugo). Autos Lobelle, 5 - Cartagena, 4.
Trabada (Lugo). Marfil Santa Coloma, 1 - Autos Lobelle, 1.
Noia (A Coruña). Noia F.S., 1 - Autos Lobelle, 5.
Ourense. Autos Lobelle, 6 - Burela, 3.