O Coruxo está aboado ao sufrimento a pesar que nesta xornada puido deixar xa sentenciada a permanencia. Agora todo queda para a última xornada onde o equipo vigués ten que descansar, non así o Leis Pontevedra, equipo que marca o descenso directo e que está a tan soamente dous puntos por debaixo do Coruxo.

Final de liga de auténtico infarto xa que o equipo pontevedrés recibe ao potente Carballiño, os ourensanos xogan toda a tempada neste partido xa que en xogo está a segunda praza, que nestes momentos é do Mera, que xoga en Ferrol ante o líder, OU Parrulo. Máis emoción imposible.

E iso que o equipo de Rachí empezou moi ben o partido deste sábado ante o Prone B, que nos primeiros segundos tiveron dúas claras ocasións de gol por mediación de Mario, e pouco despois de Xan. Pero pronto chegaría o primeiro gol que consegue Pablo Valle tras un contraataque combinado levado por Manu e Mario, era o 1-0, e os dous equipos sen presas, pero sen pausas. AOS dous minutos chega o empate que Keita materializa ao recoller un rexeite en curto na área de castigo, a pesar do 1-1, o Coruxo non se descompón, e mesmo ao intentar dar máis faísca ao partido, este remata por ser un correcalles.

A orde non tardaría en regresar, e precisamente con varias ocasións de gol por parte dos locais, como tamén os lugueses forzaron varias faltas dende os sete metros e que tivo Cuca que empregarse a fondo para evitar o gol. Faltando dez minutos de tempo efectivo, o equipo vigués cárgase coa quinta falta, e dende aí baixaría bastante o seu xogo de ataque. Eran os mellores minutos do Prone Lugo, que a punto estivo de marcar por medio de Gil, premía moi arriba o equipo visitante que case sempre finalizaba con imprecisións do Coruxo e que pouco a pouco foi cedendo metros, sobre todo mostrándose con gretas no xogo polas bandas, que era por onde o equipo visitante machucaba nas circulacións.

De dobre penalti chegaría o 1-2 e que Lois se encargaría de poñer por diante ao Prone.

Poucos segundos despois envío ao pau nun potente disparo de Siso, e foise estirando o equipo vigués ata mesmo marcaría un gol que os árbitros o anularon tras dalo como válido ao facer soar o asubío e sinalizar o centro da pista. Nun exercicio de honestidade, xa que a noticia ten que ser tan limpa como cristalina, hai que recoñecer que o gol está ben anulado xa que un dos árbitros estaba a dialogar nese momento co banco do Coruxo cando no outro extremo da pista se produce o gol. O colexiado que dera o gol non se decatou da situación e deixou seguir o xogo dando paso a unha xogada a balón parado, e de aí que ao principio deu o gol como válido, pero é obvio que non o é.

No segundo tempo moi pronto marcaría o equipo vigués, no minuto un, nun contraataque de Manu e que tras un potente disparo cruzado sería Diego o que introduce o balón na súa propia portería e que supoñía o 2-2. Ben se iniciaba este período e onde o Coruxo tiña que buscar bastante máis a portería luguesa. Pronto chegaría o 3-2, que anota Pablo Valle tras unha acción individual e que finaliza dentro da área cun obús de abaixo arriba. O gol non fai o efecto desexado xa que os vigueses se meten atrás e deste modo facilitaban a presión do Prone, que tiña ocasións de gol moi claras.

O 4-2 supoñía todo un respiro e bo augurio cando Manu preme á defensa visitante e tras conseguir o balón finaliza ao fondo da rede. Estaba o Prone completamente grogui, e aí puido o Coruxo poñer a un incómodo rival que a pesar de non estar a facer moito se trazara un ritmo, pero o que chega é a expulsión de Cuca ao recibir tarxeta amarela ao interceptar o balón coa man estando fóra da área, a entrada de Lolo era todo un risco xa que o grande porteiro vigués tiña que aguantar eses dous minutos coa portería imbatida, pero o Prone pon en liza a táctica de porteiro - Xogador, e deste modo a superioridade numérica daríalle o 4-3, corría o minuto catorce deste período, e aos poucos segundos marca o Prone o 4-4. O equipo vigués entra en barrena polas constantes presas en acurtar distancia e o único que consegue é que o Prone anote o 4-5 no medio dun caos impresionante.

Era doado intuír os últimos minutos do Coruxo, que con máis corazón que cabeza intentaba polo menos rabuñar un valioso punto, pero o gol non chegaría a pesar de intentalo despois coa táctica do porteiro - xogador.

CORUXO F.C. 4
PRONE LUGO 5