O equipo alevín de fútbol sala do E.D. Vigo 2015, que será recibido hoxe polo alcalde da cidade, Abel Caballero, e o presidente de VIDE e concelleiro de Deportes, Manel Fernández, pode presumir dunha tempada extraordinaria.

Dende madiados de maio, e como campión de Vigo, o conxunto que dirixe Pelu foi sumando éxito tras éxito. Se na Liga local acabou invicto (unha ducia de vitorias e dous empates), logo impúxose en Redondela, na final provincial, ao Apóstol Santiago de Soutomaior e, posteriormente, gañou a final galega en Betanzos ao Barval (5-4).

O club que preside Francisco Fernández gañouse o dereito a participar no Campionato de España de fútbol sala, a primeiros deste mes en Almería.

O conxunto vigues tivo unha dura loita no seu grupo clasificatorio co campión andaluz, o Romeral, ao que eliminou. Na final enfrontouse ao campión do outro grupo, o Fair Play de Estremadura, que tivo un torneo máis doado.

O E.D. Vigo 2015 é o único equipo da provincia de Pontevedra que nos últimos cinco anos foi ao Campionato de España de fútbol sala, alcanzando dous subcampionatos de España e un terceiro posto.

A entidade, que pertence ao programa Siareiros Club, ten un acordo de colaboración en fútbol co Real Club Celta e outro para fútbol sala co Lobelle de Santiago.