Cabecera Vide

O Maniotas contribuiu para que España subira por vez primeira ao podio do Mundial de ximnasia estética

A ximnasia estética viguesa deu un novo paso nos Campionatos do Mundo, nos que o Maniotas é habitual dende 2005 polos seus resultados deportivos nos Nacionais.

O XIII Campionato do Mundo senior de ximnasia estética de grupo, que se celebrou esta pasada fin de semana no Pavillón Municipal de Deportes de Cartaxena (Murcia), colocou a España no podio por países, e a contribución do grupo da entidade viguesa, aínda que non se puido meter na fase final, á que accedían dez equipos, foi importante para conseguilo.

Máis de 400 ximnastas de catorce países competiron polo título, que defendía o Madonna ruso. Aínda que o ranking final foi liderado polas rusas, que por clubs quedaron en primeiro (Madonna) e terceiro lugar (Nebesa) e primeiras na clasificación por países, as finlandesas remataron o campionato en segunda posición e España pechou as prazas do podio por países. Por clubs, a selección de Bulgaria colgouse a prata nun podio dominado polas rusas.

O Maniotas, que presentou un novo exercicio ("Fantasías"), pagou a falta de notas previas en torneos internacionais, o que impediu ás de María García-Trío competir no grupo A, que si está ao alcance do nivel ximnástico, segundo obsérvase dende o club, pero ao que só se accede puntuando nalgunha fase da Copa do Mundo, inalcanzables orzamentariamente a día de hoxe. O Maniotas rematou na 17ª praza sobre vinteoito equipos, con 14,55 puntos.

As viguesas saíron con gran fortaleza realizando un exercicio de execución sobresaínte e cuxa coreografía foi ben puntuada polas xuíces. España foi cuarta no Mundial de Tartu 2011, en Estonia. Agora subiu ao podio, dominado polos países do Leste.

Ránking por países

1º) Rusia, cos equipos de Madonna (1º), Nebesa (3º), Oscar (13º) e Expressia (14º).
2º) Finlandia, cos equipos de OVO Team (5º), Minetit (6º) e Sanix (15º).
3º) España, cos equipos Alcón Cusí (8º), INEF Catalunya (11º), Maniotas (17º) e Muntanyenc (19º).