O Maniotas obtén, cos dous equipos cataláns, o cuarto posto para España no Mundial de ximnasia estética

Imprimir
maniotasvarnaEspaña obtivo a cuarta praza no XI Campionato do Mundo de ximnasia estética, celebrado esta fin de semana no Palacio da Cultura e do Deporte de Varna (Bulgaria).

España puntuou coa achega do club Maniotas vigués (19º na xeral, un posto máis que na súa actuación en Moscova 2009) e dos dous equipos cataláns, INEF de Barcelona (14º) e o Alcon Cusí (15º), obtendo a cuarta posición por países. É o primeiro Mundial en que se realiza esta clasificación e por diante unicamente quedaron Finlandia, Bulgaria e Rusia. O Maniotas, que chegou a Bulgaria despois dunha viaxe de 20 horas, adestrou o xoves no tapiz e competiu o venres, na xornada clasificatoria, tamén chamada preliminar. O sábado foi o día adicado a final. Foi o quinto Mundial para seguido para o equipo vigués.

Unha vez rematado o campionato a adestradora de Maniotas, María García Trío, amosouse moi satisfeita co traballo do equipo que conseguiu ser quinto do seu grupo ao que sumar a cuarta praza por países. "É a primeira vez que nos vimos cunha copa para casa, un cuarto lugar é un premio ao traballo dos últimos anos e un premio á evolución deste equipo que, como o ave fénix, conseguiu superar unha tempada moi dura, chea de lesións e de adversidades", dixo. Hai que lembrar que para o Mundial o Maniotas tivo dúas baixas.

No Campionato do Mundo compítese por ranking, dividíndose por niveis en dous grupo, A e B. Por decisión da Asociación Española de Ximnasia Estética de Grupo (Aegeg), "Ave fénix", a montaxe elixida para competir, partiu máis abaixo do ranking que lle corresponde, segundo explicou o Maniotas. Ademais a adestradora quixo agradecer que as institucións, a Concellería de Turismo, a Deputación e a Xunta, axudasen ao equipo para poder asistir a este Mundial e terminou dicíndonos: "O equipo xa pensa no Mundial do ano que vén, en Estonia, onde esperamos continuar coa evolución que seguimos ata agora". Por equipos, ningún conxunto español pasou á fase final de dez, gañada polo Fotonit finés.

Xornada final (2.19 kB)

Xornada preliminar (2.83 kB)