seis granitosO Magope Seis do Nadal Coia pechou a tempada adxudicándose a vitoria no derbi vigués ante o Granitos Ibéricos Carballal; un triunfo por 30-22 que lle permitiu concluír a liga na sexta praza. A pesar da diferenza no marcador final, os de Coia non puideron sacudirse a presión do seu rival até mediado o segundo tempo.

Durante toda a primeira parte, que finalizou con empate a 12, e ao comezo da segunda sucedéronse os empates e as mínimas diferenzas a prol dun e outro equipo (16-16, minuto 37). A partir de aí, o Magope Seis do Nadal Coia rompeu o encontro cun parcial de 8-0 ( 24-16, minutos 45) que xa foi insalvable para o Granitos Ibéricos.

Acabar a tempada gañando en casa, nun derbi e coa bancada chea alegrou de forma especial ao adestrador Jorge Fernández que fixo un balance moi positivo do realizado polo seu equipo esta campaña."Foi unha tempada de notable tendo en conta que perdemos sete xogadores da pasada campaña e só fichamos un porteiro. Suplimos todas as necesidades do equipo co traballo de canteira que adestradores como Paloto, David, Mingos, etc fan cada tempada", asegurou o adestrador. "A esixencia dunha liga de 30 partidos para xogadores non profesionais e cos recursos económicos tan limitados fáisenos excesivamente longa. As lesións aparecen inevitablemente e non puidemos contar co equipo ao completo en toda a tempada, por iso estou satisfeito co que fixemos durante este curso deportivo".