Os cadetes do Seis do Nadal Coia, campións galegos

Imprimir

seisO Seis do Nadal Coia sumou este pasado fin de semana un novo éxito deportivo. O seu equipo cadete masculino de división de honra proclamouse campión galego unha xornada antes de finalizar a liga. O Paleo Training Seis do Nadal Coia adxudicouse o campionato tras impoñerse ao Cisne, o seu gran rival na loita polo título, nun partido que non defraudou ás expectativas previstas.

O equipo da cidade do Lérez mandou en varias fases do encontro; foise ao descanso gañando de tres goles (17-20) e aumentou a súa renda, ata os cinco tantos, nos dez primeiros minutos do segundo tempo. Con todo, e lonxe de se vir abaixo o Seis do Nadal Coia impuxo unha maior intensidade ao xogo e arroupado pola afección deulle a volta ao marcador. Ao final venceu por 38-36, un triunfo que clasifica aos de Mingos para disputar a fase sector do Campionato de España cuxa sede e rivais coñecerán o próximo fin de semana. 

O Paleo Training Seis do Nadal Coia está formado por varios xogadores do Distevi Seis do Nadal Coia infantil que o ano pasado quedou invicto na liga galega e clasificouse para a gran final nacional. É unha xeración de mozos da canteira do Seis do Nadal Coia que promete chegar lonxe.