Cabecera Vide

A boa defensa conduce ao Magope Seis do Nadal á vitoria ante o Porriño

O Magope Seis do Nadal Coia logrou resarcirse en Porriño da derrota sufrida en casa ante o Oar. Os vigueses trouxéronse os dous puntos da Vila do Louro tras vencer ao equipo local por 25-29. Un resultado enganoso xa que os de Jorge Fernández tiveron que empregarse a fondo para gañar.

Na primeira parte sucedéronse as igualdades e as mínimas vantaxes no marcador a favor dun e outro equipo. O Magope Seis do Nadal Coia chegou a adquirir unha renda de tres goles (5-8) aos doce minutos pero o Balonmano Porriño Galserco non tardou en reaccionar, deulle a volta ao marcador e foise gañando ao descanso (13-12). “A nosa falta de seguridade á hora de conducir o contraataque e os problemas cos que nos atopamos para deter ao pivote do Porriño, favoreceron esa remontada”, recoñecía ao final Jorge Fernández. 

A segunda parte tampouco comezou ben para os vigueses. O equipo local ampliou a súa vantaxe cun parcial de saída de 3-0, abrindo a máxima diferenza ata entón no marcador. Pero o Magope Seis do Nadal Coia non se encolleu, imprimiu maior intensidade no seu xogo, mellorou nas axudas e deulle a volta ao partido. No minuto 42 colocouse por diante no marcador (17-18) e a partir de aí logrou defenderse ben das embestidas do seu rival que únicamente facíalles dano cando xogaba en superioridade. Ao final, as vantaxes 2 e 3 goles que logrou o equipo vigués nos últimos tres minutos deulles a confianza para acadar a vitoria por eses catro tantos de renda. Un triunfo que lles permite ascender á quinta posición con 10 puntos.

O máximo goleador do Magope Seis do Nadal Coia neste partido foi Pablo García, que anotou 6 goles. O resto foron obra de Adrián Leirós (4), Iván López (4), Jacobo Rodríguez (4), Denís Estévez (3), Germán Iglesias Aymerich (3), David Costa (2), Javier Freijeiro (2) e Dani Alves (1).
O vindeiro domingo os vigueses recibirán en Coia ás Cinco Jotas Lavadores.