Cabecera Vide

Os equipos de elite do Seis do Nadal levantan o pano da nova tempada, este sábado en Coia

seisO Magope Seis do Nadal Coia de División de Honra Prata feminina espera con impaciencia e ilusión o comezo da nova tempada, tras sete semanas de preparación que deixaron boas sensacións tanto en adestramentos como en amigables. As coianas abren o pano do curso 2015-2016 recibindo o sábado ás 17.30 horas ao outro equipo vigués da categoría, o Carballal.

Un partido que as de Anxo Corbillón afrontarán con “serenidade”. “E é que Carballal- asegura o técnico vigués- é un equipo moi aguerrido e conxuntado”. Aínda así confía en que os dous puntos queden en Coia; “esperamos poder ofrecer unha vitoria á afección e a toda a xente que tanto está a apoiar para que este equipo creza cada ano e que sabemos que ateigará o pavillón o sábado.

O Magope Seis do Nadal Coia presenta para esta nova tempada un equipo renovado, por iso o adestrador non se quere marcar obxectivos a longo prazo. “Temos xogadoras que achegan características diferentes, polo que traballamos na definición da proposta de xogo para esta primeira parte da tempada e no axuste das incorporacións, tanto de xogadoras senior como das xuvenís que este ano están chamadas a ter un espazo importante”, apunta Anxo Corbillón.

O equipo de Primeira Nacional mídese ao Bm. Artabro

O Magope Seis do Nadal Coia de Primeira Nacional, tamén comeza a liga este sábado en casa. Mídese ás 19.30 horas ao Bm. Artabro co obxectivo de non deixar escapar os dous primeiros puntos, “porque sempre é importante e dáche moita confianza comezar gañando, sobre todo se xogas de local”, recoñece Jorge Fernández.

Para conseguilo, o adestrador do Seis do Nadal considera fundamental que os xogadores saiban controlar os nervos da estrea ligueira.

O equipo chega ao encontro con gañas e despois dunha pretemporada de moitas probas, onde Jorge Fernández tivo o contratempo de non poder dispor de todos os xogadores nin nos adestramentos nin nos partidos amigables.

Os xuvenís, cadetes e infantís de División de Honra tamén xogan en Coia

O pavillón de Coia será escenario ademais o sábado dos partidos da segunda xornada das Divisións de Honra Masculinas en categorías Xuvenil, Cadete e Infantil desde as 10:00 da mañá. E o domingo, a partir da mesma hora, será a quenda das Divisións de Honra Femininas Xuvenil, Cadete e Infantil.