O Magope Seis do Nadal Coia deu este sábado un paso moi importante no seu obxectivo de clasificarse para xogar a fase de ascenso a división de honra prata masculina. A vitoria ante o Construciones Castro Chapela (27-23) permítelle recuperar a segunda posición e avantaxar nun punto, máis o golaverage particular, ao equipo de Fran Teixeira. Foi un triunfo moi traballado que reforza a moral e a confianza do equipo.

E é que, pese ao resultado final, o partido foi de todo menos fácil para os vigueses. O Magope Seis do Nadal Coia acusou na primeira parte a esixencia de ter que gañar para non descolgarse da parte alta da táboa. Os vigueses mostráronse imprecisos, con moitas dúbidas en ataque, e o Chapela non o
desaproveitou. Controlou o xogo e o marcador desde o primeiro minuto e adquiriu unha vantaxe ao descanso de 5 goles (9-14) que non facía presaxiar nada bo para o equipo local.

Nada máis lonxe da realidade. O cambio de sistema defensivo que expuxo Jorge Fernández na segunda parte fixo moito dano ao Chapela. Os de Fran Teixeira aguantaron o arreón local durante o dez primeiros minutos tras a continuación pero de aí ao final víronse totalmente superados polo 5-1 presionante dos vigueses. A excelente actuación de Pablo Chantada baixo paus, que se converteu no mellor xogador do partido, e un parcial de 5-0 permitiron ao Magope Seis do Nadal Coia darlle a volta ao marcador e adquirir unha vantaxe de tres goles (21-19) mediada a segunda parte. O adestrador do equipo visitante, Fran Teixeira tratou de reconducir a situación solicitando un tempo morto pero o seu equipo xa foi incapaz de superar o muro defensivo do equipo vigués que acabou adxudicándose a vitoria por 4 goles de diferenza.

A próxima xornada os vigueses desprázanse á cancha do OAR A Coruña, sétimo clasificado.