Cabecera Vide

Vitoria do Magope Seis do Nadal e empate do Calfoncal na primeira xornada en 1ª Estatal de balonmán

magope1O Magope Seis do Nadal abriu con vitoria a súa participación na 1ª Estatal este sábado. Os vigueses derrotaron ao Cisne Grupo Pirsa por 35-24 (18-16). Mentres, o Calfoncal Lavadores sacou un bo empate en pista avilesina, o pavillón da Magdalena, diante do Cafés Toscaf (26-26). No pavillón de Coia, os xogadores que adestra José Ramón Muñoz, "Jota", empezaron o encontro con lixeira desvantaxe (un abaixo) ata que ao redor do minuto 20 os vigueses tomaron o mando do choque fronte ao conxunto pontevedrés.

Con dous goles de diferencia ao seu favor ao descanso (18-16), a saída do segundo período decidiu o encontro. O Magope puido roubar balóns e cun parcial de 3-0 rompeu o choque. Finalmente un dos xogadores vigueses, Pablo, tivo que acudir a un centro hospitalario por un golpe na boca.

Pola súa banda, o Calfoncal de Juan M. Costas rascou un excelente empate a domicilio. "Somos un equipo novo e estivemos algo nerviosos ao principio", dixo o técnico vigués, pero finalmente os seus xogadores ata chegaron a mandar por tres goles.

A Atlética Avilesina reaccionou e practicamente viu o partido gañado cando a cinco minutos do final vencía ao Calfoncal por tres goles. Pero os vigueses non baixaron os brazos e o pivote, Tomás, fixo o 26-26. Os locais tiveron aínda unha posesión, "pero defendimos ben", apuntaba o adestrador dos vigueses, e o porteiro do Calfoncal, Dani, rexeitaba o lanzamento dos locais. Valioso punto.

Na vindeira xornada, o Magope xogará en Zamora e o Calfoncal Lavadores recibe ao OAR Ciudad herculino.