Cabecera Vide

Posta en escea dos equipos do Seis do Nadal de balonmán co III Memorial Víctor Lis o sábado en Coia

2508seisdonadalO Club Balonmán Seis do Nadal-Coia presentou hoxe mércores na sede da Fundación VIDE o III Memorial Víctor Lis, que este sábado disputarán tres dos equipos do club no pavillón de Coia. O torneo, en memoria dun xogador da entidade falecido fai catro anos, comezará ás 17:15 horas.

O primeiro partido xogarase entre o Hierros Miguel Seis do Nadal (1ª Autonómica masculina) e o Rasoeiro do Grove, da mesma categoría; a continuación competirá o equipo xa histórico, o que logrou o ascenso a Primeira Nacional, Magope Seis do Nadal, que se medirá a un rival da súa mesma liga, o Xiria de Carballo (18:45), para rematar co partido feminino da xornada, un Azkar-Bueu Atlético, con ambos os equipos esta tempada en 1ª Autonómica feminina (20:30).

O memorial servirá para presentar aos tres equipos, nos que a entidade que preside Antonio Piñeiro ten postas moitas esperanzas. Do Magope, a directiva espera "que se manteña" (baixan dous), e confía en que o feminino "opte ao ascenso de categoría". O conxunto masculino de Autonómica estrea ascenso. Segundo José Ramón Muñoz, "Jota", técnico con ampla traxectoria no balonmán galego e portugués e dende o verán de 2008 no Seis do Nadal, "temos que tentar lograr a permanencia canto antes para gozar o resto da tempada da Primeira Nacional". O club fíxose con cinco reforzos (deu seis baixas) e se enorgullece de que" doce dos vinte xogadores do primeiro equipo forxáronse na canteira de Coia". Ademais, Antonio Piñeiro, presidente do Seis do Nadal, explicou que "o Seis do Nadal é o club de base vigués que máis xogadores achega ao Pilotes Posada", ao lembrar que polas súas filas pasaron Víctor Frade, Dani Cerqueira ou Pablo Macías, ademais de Pedro Rodríguez, o vigués que o Ciudad Real cedeu ao Cuenca 2016.

Esta tempada, o Seis do Nadal manexará un orzamento de 140.000 euros para soster quince equipos federados, 260 xogadores e xogadoras e un cadro técnico duns vinte adestradores. "É unha milagre conseguir os cartos e dános un mal durmir...", subliñou Piñeiro, que cadra o orzamento con menos dun 20% de axuda institucional e o resto "con moitas achegas privadas". De feito, o club acaba de chegar a un acordo con Alcampo e está a piques de pactar coa firma Las Cinco Jotas (empresa viguesa que constrúe casas de madeira).

O presidente, que na rolda de prensa estivo acompañado pola xogadora Yolanda Peroja e o directivo Manuel Costas, ademais do adestrador ("Jota") e do coordinador deportivo do club, Jorge Carrera, tamén agradeceu o apoio da Fundación VIDE, que estes anos colaborou co club no programa Siareiros Base, e especialmente nas fases de ascenso, e que agora o incorporou ao Seis do Nadal ao programa Siareiros Elite. "Esta consideración de equipo de elite axuda ao noso traballo", sostivo.

Horarios III Memorial Víctor Lis / Pavillón de Coia

Sábado 28. 17:15. Hierros Miguel Seis do Nadal-Rasoeiro Bueu (1ª Autonómica masculina).
Sábado 28. 18:45. Magope Seis do Nadal-BM. Xiria (1ª Nacional masculina).
Sábado 28. 20:30. Azkar Seis do Nadal-Bueu Atlético (1ª Autonómica feminina).