manel_rachaplumasO concelleiro de Deportes e presidente de VIDE, Manel Fernández, presentou onte a oitava edición deste certame, que incrementa a súa participación cada ano tanto en deportistas como en clubs. A cita terá lugar este sábado na pista vermella das Travesas, con xogadores "de altísimo nivel" de Galicia e do resto de España.

O edil de Deportes, Manel Fernández, invitou a toda a cidadanía a presenciar unha xornada de bádminton, "unha das especialidades deportivas importantes da nosa cidade", en auxe, con numerosos afeccionados, e que goza da "consideración máxima do Concello de Vigo".

Juan Vila, técnico do CB Rachaplumas, a entidade organizadora, agradeceu ao goberno de Vigo a súa colaboración coa entidade e co deporte e salientou que o Trofeo "pouco a pouco está a coller unha proxección importante en Vigo e en toda a provincia", recordando que cada ano son máis os clubs e os xogadores que participan. Vila indicou que o deste ano será un "campionado de moi alto nivel", que congregará a tres campións de España.