Colaboradores

Taekwondo/Forum FISU

Porque somos así PDF Imprimir Correo-e

A Fundación VIDE naceu en 2002 por iniciativa de Santiago Domínguez, agora tenente de alcalde de Vigo e naquel mandato municipal (1999-2003) concelleiro de Deportes. As claves de Vigo en Deporte son as seguintes:

1) Que é a Fundación Vigo en Deporte? Un organismo sen ánimo de lucro nacido en 2002 para apoiar ao deporte vigués en toda a súa extensión, é dicir, aos clubs e entidades deportivas que compiten tanto na elite coma na base, e aos que teñen iniciativas que leven consigo a posta en marcha de calquera tipo de actividade ou torneo. Así de sinxelo.

2) Quen forma VIDE? VIDE foi constituída polo Concello de Vigo e tres grandes motores económicos da cidade: PSA Peugeot Citroën, Caixanova e Pescanova. Son os catro socios fundacionais, que toman as súas decisións mediante un Padroado do que o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, é o seu presidente, e que designou xerente a Laura Magdalena en novembro de 2007. Así de importante.

3) Canto inviste no deporte local? En 2009, as doazóns da Fundación VIDE ascenderon a uns 300.000 euros (50 millóns das desaparecidas pesetas), como en 2008. Ese diñeiro distribúese, segundo baremos, entre os clubs de máxima categoría e os de base, en bolsas para deportistas individuais, en pagamento de instalacións á canteira, en apoio a outras entidades deportivas (Vigo en Xogo, por exemplo) ou na organización de eventos (o campus polideportivo ou a exitosa Vigo Cup de fútbol). Dende 2002, a Fundación Vigo en Deporte gastou 1,9 millóns de euros (316 millóns das desaparecidas pesetas) en doazóns ao deporte vigués. Así de forte.

4) Como se deciden as doazóns? Mediante baremos que inclúen a categoría, equipos base, número de Siareiros que se conseguen... Así de xusto.

5) Cando se aboan esas axudas económicas? En dous pagamentos anuais aos clubs de elite (en decembro dun ano e en maio do seguinte), e nun ao resto. Entre decembro e maio sucédense as entregas de talóns, a Gala do Deporte e a repartición de axudas polo programa de Siareiros. Así de rápido.

6) Onde está a sede de VIDE? No complexo de deportes de As Travesas, na fachada que dá á rúa Cesáreo González. Ademais da situación física dentro do IMD, tamén existe a virtual; a páxina web é visitada cada día por centos de internautas para seguir as noticias dos equipos de elite e o desenvolvemento de Vigo en Xogo. Así de cómodo.

7) Por que esas axudas? Porque cremos no deporte vigués. Ao igual que ó redor de 40 empresas, que colaboran cos programas de VIDE (como socio de honra, colaborador,...) para axudar desinteresadamente aos equipos. Así de claro.

8) Pódome facer Siareiro? Claro que si. Facerte socio dun dos once clubs de elite permite ao club un diñeiro extra de VIDE por número de seguidores que consegue. E co carné de tempada que pagaches (costa entre 15 e 150 euros) tes dereito a ver gratis o resto de equipos da cidade. Xa somos máis de 2.000 siareiros. E se prefires axudar a un club de base, a tarxeta Siareiro base, que só custa 6 euros, supón para a entidade deportiva unha doazón da Fundación segundo número de tarxetas conseguidas e o pagamento das instalacións de adestramento. Así de bo

icon Estatutos (2.68 MB)