Derbi vigués de balonmán para despedir o ano

Seis do Nadal vs CarballalMagope Seis do Nadal Coia e AD Carballal veranse as caras este sábado (18 horas, Pavillón Municipal do Carballal) con motivo da primeira xornada da segunda volta da división de prata de balonmán feminino. É ademais o derradeiro partido do ano así que ambos os equipos buscarán a vitoria para despedir 2015 ao grande.

“No noso caso”- asegura o técnico do Seis do Nadal- permitiríanos poñer o broche a un ano no que cumprimos cos nosos obxectivos. Iriámonos de vacacións cun bo sabor de boca”. 

Enfróntanse dous equipos con traxectorias opostas e aspiracións distintas.

As de Anxo Corbillón chegan ao partido coas pilas cargadas, tras descansar a pasada fin de semana. Ademais están coa moral a lume de biqueira polas tres vitorias consecutivas que acadaron nas últimas xornadas da primeira volta e que lle situaron na quinta posición con doce puntos.

Pola súa banda, a A.D. Carballal que é oitavo con seis puntos, aspira a cortar a mala serie de resultados (acumula catro derrotas consecutivas) e a tomarse o desquite polo sucedido no partido da primeira volta (concluíu con vitoria local por 30-19).

O Magope Seis do Nadal chega mellor ao derbi e non pensa noutro resultado que non sexa a vitoria pero tanto corpo técnico como as xogadoras saben que terán que dar o mellor de se para conseguila. “A chave estará en amosar a confianza no noso xogo do último mes xa que Carballal é un equipo que nunca baixa os brazos e cunha grande capacidade de reacción” - advirte Anxo Corbillón- “Se somos nós mesmas na cancha non dubido que a vitoria será nosa”.