Os favoritos, salvo El Olivo, cumpren na primeira xornada da Vigo Cup

vigocup2014__8A Vigo Cup xa está en marcha a pleno rendemento. E os defensores do título? Ben, grazas... case todos.

En sub 7, o Victoria comezou en O Vao cun sufridísimo triunfo ante o San Miguel (1-0), que se continuou logo cun empate sen goles do campión contra o Coya, e un axustado 2-1 do San Miguel a custa do Alertanavia. Pola súa banda, no grupo C o Areas de Alcabre xa figura como rei do empate: 2-2 co Victoria C e 1-1 co Santa Mariña A.

Sub 8. Non hai defensor ao non participar o Areosa nesta categoría, e na primeira xornada déronse marcadores igualados. Tanto que o Alameda de A Garda empezaba cun 3-2 contra o San Miguel para repetir resultado, pero adverso, ante o Colexio Hogar... que á súa vez caera fronte a o Victoria (2-0).

Sub 10. O Celta advertiu de que quere chegar o domingo a Balaídos e gañar. 11-0 ao Sárdoma B en As Relfas nunha xornada que viviu tremendas goleadas a favor do Victoria A (18-0), Santa Mariña C (14-0) ou Coruxo A (12-0)... e un espectacular 4-4 entre Rápido de Bouzas e Tyde A. É a categoría con máis resultados avultados: vinte dos vinte e dous partidos concluíron con vantaxe do gañador por tres goles ou máis.

Sub 12. O portugués EF 115 deu boa conta do Colexio Hogar (3-0) mentres o Celta, vixente campión, gañaba ao Campus Vigo 2015 por 11-0. O Coruxo A, finalista o verán pasado, vencía en A Pirucha 0-3 ao Teis A. O grupo I anúnciase como o da morte. O Raio Carbayín asturiano foi mellor que o B do Santa Mariña (4-1) pero cedeu ante o Talleres Nolete redondelano (3-0). E estes perderon 1-0 contra o Alertanavia, que tamén bateu (1-2) ao Teis B.

Sub 16. A lexión portuguesa inscrita mandou os primeiros avisos. O Fernando Pires ensinoulle unha manita ao Balaídos (5-0) en Bouzas, mentres o Palmeiras se impoñía 3-2 ao Sárdoma en Cotogrande. Solo cedía o Foz (2-0) fronte ao Coruxo A. E o favorito, Areosa, que pretende recuperar o trono deixado polo Celta, pisa forte: 4-0 ao Coruxo B.

Damas. Para empezar, sorpresas e torneo aberto. Foron as que pecharon a xornada e con emoción. O Alertanavia podía co Miño (2-0) e El Olivo empataba en Navia co EDM Salceda (2-2), con todos os goles na segunda metade, e remontando. Mentres, o Sárdoma dominaba no grupo B ao Montiño (3-0) e o Lavadores gañaba ao Moledo tamén na segunda parte (2-1), aínda que estas marcaban de perfecta falta directa no último segundo do choque.