Caballero cifra en 800 os participantes na Nocturna de San Xoán, este luns, con "bos atletas" e xente que quere "facer vida saudable"

nocturnaA Nocturna de San Xoán regresa este luns (21:15 horas) para disputar a trixésima primeira edición desta proba atlética co percorrido habitual: dende o Paseo de Granada (á altura do Concello) ata os soportais do Berbés, coa única variación de que o final de Tomás A. Alonso, en obras de humanización, esquívase por Camilo Veiga.

Será un percorrido de 7,7 quilómetros, unha distancia "relativamente doada" segundo a delegación viguesa da Federación Galega de Atletismo pero á que o alcalde da cidade, Abel Caballero, deu relevancia en atención aos deportistas que a corren non só por competir, senón tamén por chegar aínda que o fagan a menor ritmo.

Con medio milleiro de inscritos (a través da web máis de catrocentos, dos que unha cuarta parte eran mulleres), o alcalde dá por feito que "será unha gran carreira e contará con elevada participación cidadá", que se atreveu a fixar nuns 800 atletas.

Acompañado polo concelleiro de Deportes e presidente de VIDE, Manel Fernández, Javier Álvarez Salgado e Hipólito Sousa (organización da FGA) e por María Troncoso (Coca-Cola), o rexedor concretou que esta é "unha proba con bos atletas, pero tamén con participantes que a disputan por diversión e por facer vida saudable".

A Nocturna, quinta proba do Circuíto de Carreiras Populares Cidade de Vigo, abre a tempada estival tras dúas medias maratones (Vig-Bay e Vigo), a Correndo por Vigo e os 10 km Cidade Universitaria e fai que o circuíto patrocinado pola Concellería de Deportes acade o seu ecuador.

Os vencedores absolutos recibirán un xamón e Álvarez Salgado, delegado federativo en Vigo, definiu esta carreira como "unha proba típica, clásica e verdaderamente colorista" que do Concello chegará ata Bouzas para acabar no Casco Vello.

A inscrición péchase hoxe e o alcalde animou á participación nun evento no que destacou tamén a "boa organización".

Este ano, a novidade ofrecida pola delegación viguesa da Federación Galega de Atletismo é que todos os participantes terán chip de control de tempo.