Equipos vigueses suspenden os seus encontros polo peche de Peinador debido á nube de cinzas volcánicas

eumetsatA nube volcánica causada polas continuas erupciones do Eyjafjallajökull, na Islandia, obrigou a pechar os tres aeroportos galegos na noite do venres 7 de maio. O Toshiba Vigo Stick (hóckey a patíns) e o Halcones de Vigo (béisbol) viaxaban á primeira hora da mañá para xogar en Alacante e Barcelona, respectivamente. A cancelación dos seus voos dende Peinador impediu a disputa dos seus encontros.

O Toshiba de Quique Urdiales está preto de rematar o campionato de Primeira División, tendo descendido matematicamente a pasada xornada e á espera agora da reestruturación do campionato para manterse.

O Halcones comezaba a segunda volta na División de Honra e, do mesmo xeito que na primeira xornada en Vigo contra o Barça, a meteoroloxía xogoulle en contra. Naquela oportunidade unha chamada "tormenta perfecta", que finalmente apenas afectou á comunidade autónoma, cancelou a viaxe do Barça a Vigo.

Na cidade viguesa precisamente hoxe non se xogou o partido do Aldasa Amfiv, subcampión europeo, porque o Econy Gran Canaria non puido voar a Galicia para competir no pavillón de Bouzas.

Segundo Eurocontrol, o organismo que coordina todo o tráfico aéreo en Europa, a nube de cinzas volcánicas é arrastrada polo vento cara ao suroeste. Peinador, Lavacolla e Alvedro permanecerán pechados alomenos ata as 11:00 horas deste domingo 9 de maio. Na imaxe dun satélite da rede Eumetsat (Organización Europea para a Explotación dos Satélites Meteorolóxicos), a nube sobre España ás 19:00 horas de hoxe.