bolsas2011A Fundación Vigo en Deporte deu a coñecer nunha gala este xoves os seus deportistas bolseiros e bolseiras polos resultados e traxectoria de 2010.

VIDE repartiu, como na edición anterior desta convocatoria, 30.000 euros. Mentres que o ano pasado foron 19 bolsas (11 de elite e 8 de base), este ano foron para vinte deportistas, dez mulleres e dez homes, seguindo criterios de traxectoria, valor dos títulos e valor do deporte feminino, entre outros. Por segundo ano consecutivo, as mulleres deportistas tiveron maior ou igual presenza nestas bolsas (dez no 2010 e tamén agora).

No Centro Social Novacaixagalicia, 76 deportistas, 41 homes e 35 mulleres, concorreron a esta axuda, a novena que outorga a Fundación dende que en 2003 puxéronse en marcha.

A comisión de valoración recoñeceu que a elección de bolseiros fora difícil, moi especialmente nas bolsas elite, e felicitouse por poder axudar a vinte deportistas vigueses e viguesas de trece deportes, oito deles olímpicos e dous paralímpicos. As bolsas base, de 1.000 euros, están reservadas para deportistas menores de 16 anos, mentres que as bolsas elite son de 2.000 euros para deportistas de 16 anos ou máis.

Con estes 30.000 euros de hoxe, a Fundación VIDE investiu xa dende 2003 un total de 232.700 euros en apoiar a 99 deportistas (58 homes e 41 mulleres). Deses cartos, 132.700 euros chegaron a partires de 2008.

Respecto das bolsas base, sete dos dez gañadores e gañadoras reciben esta axuda por vez primeira. Só Jorge Casales (2009), Carolina Gómez (2009) e Uxía González (2010) recibírona antes.

Nas bolsas elite, Laura Llópiz recibe a súa primeira axuda, mentres que o resto xa coñecen este apoio de VIDE. De feito, sete deportistas repiten sobre as bolsas de 2010 e Antonio Ferreiro (2009) e Susana Rodríguez Gacio (2008) xa a tiveron antes.

Á gala asistiron o tenente de alcalde de Vigo, Santiago Domínguez; o director da planta viguesa de PSA Peugeot Citroën, Pierre Ianni; e o presidente de VIDE e concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, xunto ao resto de membros do padroado. Na imaxe, a foto final de bolseiros e bolseiras, patrocinadores, padroado, comité executivo de VIDE e o tenente de alcalde de Vigo, Santi Domínguez.