O Patín Vagalume volve satisfeito da súa cita no internacional de Danza

Imprimir

patinA semana pasada celebrouse na localidade francesa de Hettange-Grande unha nova edición do Open Internacional de Danza, coa participación das patinadoras viguesas do Club Patín Vagalume Celtamotor, Blanca Fandiño e Paloma Fernández. Formaron parte da delegación española que obtivo esta vez resultados históricos, cun ouro en categoría alevín para a patinadora de na Ainhoa Ángel.

Trátase do primeiro ouro europeo que consegue unha española na modalidade de Solo Dance. Ademais, Natalia Baldizzione da Federación Andaluza, foi prata en categoría cadete. Estes resultados dan unha idea do excelente traballo que están a facer os clubs para alcanzar o nivel doutros países con máis experiencia.

As clasificacións obtidas polas viguesas do Club Vagalume foron máis discretas. Así Blanca Fandiño fíxose coa duodécima praza en categoría junior, mentres que Paloma Fernández quedou décima en alevín. Ambas as dúas regresan satisfeitas cos resultados aínda que son conscientes de que teñen un longo camiño que percorrer e unha ampla marxe de mellora.

A adestradora do Club, Beatriz Fernández, tamén se mostra moi contenta pois considera que o principal obxectivo da viaxe, que non era outro que aprender e vivir esta primeira experiencia internacional na modalidade, se cumpriu con creces.