Celsa López, galega do Vilanova, nova porteira do Vigo Stick

Imprimir
celsaO Vigo Stick fichou á coruñesa Celsa López para reforzar o seu xogo na inminente nova campaña na OK Liga Feminina, que comezará o vindeiro 5 de novembro.

Celsa López, porteira (na imaxe), chega do Vilanova catalán e substitúe a Patricia Echarren, a viguesa que cursa estudos en Madrid e que axudou ao equipo na primeira tempada na elite.

A experiencia de López na OK Liga é importante xa que, sendo natural de Ordes (A Coruña) e habendo militado no equipo da súa localidade e no Raxoi santiagués, pasou ao Alcorcón madrileño, co que disputou a final da Copa da Raíña. Logo incorporouse ao Xirona, ao que desde a 1ª Catalá ascendeu á máxima categoría en 2010.

 

Este último ano defendeu os intereses do Vilanova, quinto clasificado no campionato nacional e semifinalista de Copa, foi a súa segunda porteira.

A porteira galega cursa estudos de Avogacía en Madrid, polo que se adestrará gran parte do ano co Alcorcón. No entanto, disputará o torneo da regularidade coas viguesas.

Baixo a dirección técnica de Leonardo Torres, Tomba, o Vigo Stick tamén conseguiu a continuidade da santiaguesa Laura Fernández, fichada o verán de 2010 do HC Compostela. O resto de xogadoras que conforman o primeiro equipo son viguesas e xa viviron a experiencia na elite a tempada pasada.