O Servigest Burgos mostra o seu enorme potencial ante o MasVisión Amfiv B

Imprimir

mas visionO MasVisión Amfiv B a penas puido plantar cara durante os dez primeiros minutos ao invicto líder da Primeira División, un Servigest Burgos que ao descanso xa tiña totalmente encarrilado o partido (32-11) e que ata o asubío final foi incrementando lenta pero inexorablemente a súa vantaxe. O trío formado por Marcio Dias (14 puntos), Manu Somavilla (14) e Jorge Iglesias (16) foron un constante rompedeiro de cabeza para un conxunto vigués que, ademais, estivo excesivamente fallón ante o aro rival.

Eses erros nos lanzamentos permitiron aos locais abrir a primeira brecha no marcador xa nun primeiro parcial que foi moito máis igualado que no resultado (14-7, min.10) no xogo. Os burgaleses non afrouxaron no seguinte parcial e aproveitaron as facilidades concedidas en defensa polos vigueses, que seguían sin atopar a fórmula para anotar con fluidez, para deixar o partido decidido ao descanso.

O conxunto de Natxo Cabaleiro foi capaz de afinar puntaría tras o descanso, mostrando a súa mellor cara de todo o partido nese terceiro período no que mesmo chegou a tutear ao invicto líder para saldar o parcial cun marcador de 15-12 (47-23, min.30). Pero outra serie de fallos de concentración ao inicio dos dez últimos minutos foron excelentemente aproveitadas polo Servigest Burgos para acabar coa resistencia do MasVisión Amfiv B e incrementar así pouco a pouco a súa renda ata o 63-27 final.