crossO alcalde de Vigo, Abel Caballero, estará hoxe (12:00 horas) na saída da quinta edición das 24 horas de Vigo, “a máis importante de Galicia por equipos”, segundo explicou na rolda de prensa previa, e que tamén definiu como unha carreira popular de “resistencia e forza” no parque de Castrelos.
 
Corenta e dous equipos que xuntos suman medio milleiro de atletas e 31 corredores para a clasificación individual competirán esta fin de semana no circuíto atlético de Castrelos, deseñado e inaugurado hai cinco anos.
 
“É unha proba de atletismo de importancia excepcional”, subliñou o rexedor, que estivo acompañado na presentación do evento polo presidente do club organizador, José Rial, do Castrelos 20:30, pola atleta olímpica Estela Estévez, que participará na 24VGO, polo edil de Deportes, Manel Fernández -que tamén asistirá hoxe ao comezo da carreira-, e outros directivos da organización. Ao mediodía do sábado comezará o cros, cuns 530 participantes, e rematará ao mediodía do domingo.
 
“Quero felicitar á organización porque son a alma do running en Vigo, estou moi orgulloso deles e teñen un mérito excepcional”, manifestou o xefe do goberno municipal, que explicou que os corredores e as corredoras “fan o que parece prácticamente imposible: estar vintecatro horas correndo en deportividade, con entrega e esforzo totais”.
 
Caballero, que entende a carreira como “o atletismo en estado puro”, invitou á cidadanía a que vaia a ver a proba ao parque de Castrelos e valorou tamén que moitos atletas corran tentando recadar fondos para enfermidades como a ELA, o autismo, o cancro, a distrofia muscular de Duchenne ou o síndrome de Schaff Yang.
 
Nesta edición tanto o Taninos, en categoría masculina, como o Runguerreras, en feminina, voltarán a Castrelos para defender o título conquistado en 2017. O Atletismo Beade, que se impuxo en categoría mixta hai un ano, non se inscribiu nesta oportunidade, aínda que dous (Alfonso Corzóns e Benito Vázquez) dos seus doce campións acudirán, pero enrolados no Bikila mixto, que gañou as edicións de 2014, 2015 e 2016.
 
Tamén haberá novo campión individual masculino e feminino, pois non repiten Antonio Teijido e Begoña Doniz, vencedores da cuarta edición. Si estarán o baionés José Manuel Conde, o primeiro gañador (2014), que repite na carreira en solitario, e Sara Pérez e Sonia Amatriaín, vencedoras femininas en 2015 e 2016, que correrán no NTA-Never Trail e no 3 Luces, respectivamente. E o Bikila, un ano máis, estará liderado polo incombustible Daniel Bargiela.