A IMG 0582O alcalde de Vigo, Abel Caballero, recibiu hoxe martes en Alcaldía ás cinco tripulacións viguesas que foron medallistas nos pasados Mundiais de Vaurien en Travemunde (Alemaña), en xullo, e de 420 en Newport (Estados Unidos) hai uns días.

Os regatistas representan ao Real Club Náutico de Vigo (oito) e ao Club Marítimo de Canido (un barco) e entre todos trouxeron oito medallas, tres de ouro, dúas de prata e tres de bronce.

Tone Pérez e Laura Llópiz (prata absoluta e ouro na clasificación mixta), Tirso Cerqueira e Gonzalo Martínez (Club Marítimo de Canido), medalla de bronce absoluta e campións do mundo júniors por terceiro ano consecutivo; Paula González e Paloma González (RCN Vigo), campioas do mundo en categoría feminina e bronce en júnior; e Pablo Cabello e Mario Pérez (RCN Vigo), subcampións do mundo Máster lograron que novamente Vigo siga a ser a cidade que marca a pauta na clase Vaurien.

Ademais, acudiron Martín Wizner e Pedro Ameneiro (RCN Vigo), que a pasada semana colleitaron un bronce nos Mundiais absolutos de 420 en Newport e en xullo asinaron o ouro no Campionato de Europa júnior en Sesimbra (Portugal).

“Non se poden ter máis campións mundiais xuntos en tan poucos metros cadrados”, dixo Caballero aos regatistas, que acudiron acompañados polo presidente do Náutico vigués, Rafael Tapias, e polo director técnico do Marítimo de Canido, Emilio Méndez.

Caballero, que ademais fixo votos pola “recuperación do Náutico”, amosouse “moi orgulloso” de recibir a tantos medallistas e manifestou que os seus continuados éxitos demostran “a tradición da vela en Vigo”.