Cabecera Vide

O Memorial Quino Salvo, no Central das Travesas o 15 de setembro, abrirá a quenda de lembranzas para o baloncesto vigués outro verán máis

Cartel Quino SalvoFutebol Clube do Porto e Morabanc Andorra, equipos da Liga Placard lusa e da Liga ACB, respectivamente, xogarán o sábado 15 de setembro (20:00 horas) a terceira edición do Memorial Quino Salvo no Central das Travesas.

De novo teremos unha pretempada chea de lembranzas a históricos: primeiro, a Salvo, que foi xogador pero tamén adestrador (cúmprense 25 anos do seu debut como técnico no Ciudad de Huelva), e despois a Paco Araújo (Celta Zorka, baloncesto feminino) e a Pablo Beiro (C.D. Amfiv, baloncesto en cadeira de rodas), eventos confirmados pero aínda con rivais por anunciar.

Por vez primeira o Quino Salvo, que voltará a contar cunha exposición de fotografías que percorrerá a historia do baloncesto vigués, será de carácter internacional despois dos xogos Obradoiro-Joventut (77-69, 2016) e Obradoiro-Barcelona (2017, 82-98). E haberá dous xogadores que xa estiveron en Vigo: Shayne Whittington, co "Obra" no 2016, e Moussa Diagne co Barça hai un ano.
 
O Porto, adestrado polo ferrolán Moncho López, xoga cinco días despois as eliminatorias da Basketball Champions League, competición FIBA. Os andorranos tamén quentarán motores en Vigo pois xogarán a Eurocup (antes chamada ULEB), a segunda proba continental da Euroleague.