VIDE e Hyundai Hyupersa sortean unha moto para que os clubs Siareiros obteñan máis cartos esta tempada

Imprimir

moto con logoA Fundación Vigo en Deporte e Hyupersa, concesionario oficial en Vigo de Hyundai, lanzan unha nova campaña de apoio ao deporte local.

O concelleiro de Deportes e presidente de VIDE, Manel Fernández, ven de anunciar o sorteo dunha moto scooter KSR Classic 125 para a fin de semana do vindeiro 17 de xuño, durante os Campionatos de España de ximnasia acrobática.

Os clubs adscritos ao programa Siareiros teñen xa as rifas, que as persoas que queiran axudar ao deporte vigués poden adquirir doando 1 euro.

Esta iniciativa súmase ao exitoso sorteo dunha viaxe, que supuxo unha importante achega de cartos ás entidades deportivas. Agora, VIDE, co imprescindible apoio de Hyundai Hyupersa Vigo, oferta esta nova posibilidade de recursos atípicos. O premio ten un valor no mercado de 1.800 euros.

O programa Siareiros, que abrangue a máis de corenta clubs de Vigo, garante un diñeiro polo número de Siareiros de cada entidade e polas horas de adestramento que os clubs fan en instalacións deportivas municipais, pero tamén defronta outras actuacións máis imaxinativas nas que, coa cooperación do tecido deportivo, se obteñen axudas extras.

Hyupersa Vigo entrou o ano pasado no panel de patrocinadores de VIDE despois de conversas entre o presidente da fundación, Manel Fernández, e a firma con base na estrada de Camposancos.

 Bases del sorteo KSR Classic 125

 Boleto sorteo KSR Classic 125