Cabecera Vide

O Torneo Concello de Vigo de Nadal decide hoxe as clasificacións para cuartos de final nunha emocionante terceira xornada

ManelXa non queda marxe para o erro. Despois de 172 encontros en dous días, a cuarta edición do Torneo Concello de Vigo de Nadal de fútbol 8 e fútbol chega á xornada do corte, o mércores decisivo para as aspiracións de todos os equipos. Agora, calquera pifia obriga a despedirse do torneo.
 
Infantil. O Coruxo, defensor do título, xa sabe que si quere pasar a cuartos de final (só acceden os campións de grupo) necesita vencer ao Moledo B por un incrible carro de goles, xa que os das Relfas perderon na segunda xornada por 21-0 ante o Santa Mariña, que lidera o grupo D tralo empate inicial cos vigentes campións. É o que teñen estas complicadas liguiñas de tres conxuntos.
 
Ningún dos oito grupos ten xa campión para cuartos, aínda que si hai conxuntos favoritos, caso do Celta, que para avanzar aos cruces pode permitirse ata unha derrota diante do Pereiró por dous goles de diferenza, pero nada máis está decidido. O único grupo de catro equipos, o G, celebra tamén un partido clave (Areosa-Hogar B) no que de gañar os colexiais serán primeiros, mentres que aos areosistas bástalles un empate para seguir cara a unha final que xa xogaron en 2015.
 
Alevín. O campión do ano pasado, Coruxo, xa está en cuartos a falta dun partido do grupo B. A iso chámaselle solvencia. O luns acabou cos C de Coya e Matamá e onte venceu ao San Miguel. Campión en 2014 e 2015, un terceiro título nesta categoría faríalle conseguir o que ninguén ata a data.
 
No grupo A xa é campión, e invicto, o Alertanavia. No grupo C, o Hogar, finalista na edición anterior, pode decidir o seu pase co Santa Mariña B, pois ambos chegan á terceira a xornada sen perder. Os de Cabral xa festexan a clasificación do seu equipo A, que sumou catro triunfos nunha liguilla, a D, con históricos nomes como os do Rápido e Gran Peña e onde o Atios deu enorme guerra. 
 
A festa dos de Cabral é tremenda nesta categoría: o Santa Mariña D -grupo E- tamén vai lanzado e sacouse billete para cuartos, polo que tres dos seus catro equipos poderían meterse nas eliminatorias polo título. Sería unha proeza.
 
Benxamín. O Celta, que sumou 6 dos 8 puntos posibles ante o Matamá o luns e 7 de 8 contra o Sárdoma, avanzará a cuartos de final para defender o seu cetro. O Matamá, no seu mesmo grupo, despídese de repetir final contra os célticos ao pasar rolda un equipo por grupo.
 
E o Coruxo, vencedor en 2014, deixa paso á puxanza do Victoria. Precisamente o equipo que perdeu a final hai dous anos impúxose aos do Vao nun curto marcador (1-2) co que obtivo 5 puntos por 3 o seu adversario. Así, o Cristo da Victoria métese en cuartos (completou a súa serie e descansa na terceira data do campionato) cunha doce vinganza dous anos despois.
 
Prebenxamín. Máxima emoción na xornada clasificatoria final. O Victoria, finalista en 2015, decide contra o Rápido de Bouzas, finalista en 2014, cal dos dous pasa ás eliminatorias. A elección das puntuacións por cuarto sen ter en conta os goles e/ou goleadas, unha fantástica decisión da organización porque en cada partido xóganse 8 puntos a cara de can.