Braveheart webA organización da San Silvestre viguesa, proba fixada para o vindeiro día 31 con saída en Areal (17:00 horas), decidiu prorrogar o prazo de inscrición ata o día de Nadal, domingo 25. A Concellería de Deportes entende que aínda hai moitos indecisos e optou por manter o prazo aberto unha semana máis.
 
"Estamos satisfeitos pola resposta da cidadanía. A día de hoxe (domingo) xa contamos con 3.000 inscritos pero, como queira que hai xente que aínda está decidindo si pode achegarse a esta festa do deporte, preferimos ampliar o prazo uns días máis", afirmou Manel Fernández, concelleiro de Deportes e presidente da Fundación Vigo en Deporte.
 
Fernández entende que "canto máis creza o número de inscritos máis apoio solidario darémoslle ao Banco de Alimentos de Vigo; creo que esta carreira pode converterse no mellor exemplo da solidariedade de Vigo", dixo. Para obter o pucho de Papá Noel hai que entregar un alimento non perecedoiro, que se recollerá ata media hora antes da carreira na carpa desta ONG.
 
En 2015 o Banco de Alimentos recibiu uns 4.000 quilos dos participantes. Será esta a sétima oportunidade consecutiva que a organización que preside Pedro Pereira se encarga de recoller, almacenar e distribuír os produtos para as unidades familiares máis necesitadas.
 
O concelleiro de Deportes espera que este ano "podamos romper todos os registros de participación nesta proba, que é perfecta para que todas as familias despidan o ano xuntas nunha tarde chea de alegría".
 
Iniciada en Castrelos en 2005 a San Silvestre estableceuse na Alameda en 2013 buscando facerse visible no corazón da cidade, aínda que por vez primeira sairá nesta oportunidade de Areal.
 
Manel Fernández agradeceu o apoio das firmas comerciais Gadis, Coca-Cola, Froitas Neves, Decathlon, Máis que Auga e Foot Plus para que este sexa un acontecemento cidadán de primeiro nivel.
 
A inscrición nesta proba de 4 quilómetros, que é totalmente gratuíta, realízase a través de internet no portal oficial do evento (https://championchipnorte.com/evento/detalle/ide/1005/san-silvestre-vigo-2016). 
 
Entre os inscritos tamén se coñeceu que atletas destacadas como Carmela Cardama (Comesaña Sporting Club) e Sandra Mosquera (ADAS Proinor) estarán na carreira, que premia aos mellores disfraces individuais e colectivos que participen.