Bolseiros webVinte e dous deportistas sub 23, once mulleres e outros tantos homes, recibiron onte polo serán, no salón de actos da Casa Galega da Cultura, unha axuda económica total de 20.000 euros da Fundación Vigo en Deporte (VIDE) polos seus éxitos deportivos na tempada 2015/16.
 
No sinxelo pero xa tradicional acto de entrega de bolsas no antigo salón de plenos do que foi edificio do Concello ata os anos 70, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, entregou os cheques simbólicos acompañado polo edil de Deportes e presidente de VIDE, Manel Fernández, e María José Táboas en representación de PSA Groupe, o outro socio fundador do organismo xunto co Concello de Vigo.
 
As bolsas, dun máximo de 1.000 euros para deportistas individuais, parellas, tríos ou cuartetos, contemplan axudar a quen estea empadronado na cidade e cuxa idade non supere os 23 anos.
 
Caballero, que pechou o acto, quixo facer chegar aos deportistas "o recoñecemento ao voso traballo, cuxo mérito é indiscutible", e lembroulles que "tedes un don", porque non todo o mundo que se adestra pode ser campión ou podio nacional ou estar na elite mundial como eles.
 
O rexedor dirixiuse aos deportistas, aos que definiu como líderes de opinión entre os mozos e mozas e tamén entre a xente que practican deporte", pedíndolles "responsabilidade", é dicir, que sexan un exemplo para os demais no terreo deportivo.
 
Pola súa banda, o concelleiro de Deportes explicou que este ano o Concello estreou unha liña de subvencións para competicións internacionais a través da Concellería de Deportes (50.000 euros, da que en novembro se beneficiaron 23 deportistas de todas as idades), e que tanto esa acción como as bolsas VIDE (exclusivas para sub 23 e incompatible coa subvención municipal) seguirán en 2017.
 
VIDE recibiu 61 solicitudes para esta convocatoria de bolsas pola campaña 15/16. Nesta acción dezaoito deportistas levaron unha axuda de 1.000 euros e catro (dúas parellas, unha de ximnasia acrobática e outra de taekwondo freestyle) repartíronse o milleiro de euros en 500 por cabeza.
 
Na análise das axudas, estas chegaron a trece deportes (un menos que na campaña 2014/15), e a entidade con máis bolseiros foi o Flic Flac (tres deportistas). As dúas modalidades co meirande número de bolseiros foron a ximnasia e o taekwondo. Dez deportistas repetiron sobre as bolsas 14/15 pola súa continuada e brillante traxectoria de éxitos. 
 
Con estas bolsas de VIDE e as subvencións da Concellería de Deportes en novembro pasado, ata 45 deportistas de Vigo beneficiáronse do apoio municipal directo ou por medio de VIDE e de PSA Groupe.