Óscar Bernárdez gañou no Castro e o circuíto Run Run Vigo foi para Daniel Bargiela e Ester Navarrete

Imprimir
Subida webÓscar Bernárdez (Athletic´s Fisioterapia San Lázaro) en categoría masculina (11 minutos e 16 segundos) e Ester Navarrete (ADAS Proinor O Barco) na feminina (12:32) convertéronse este domingo nos gañadores da XI Subida ao Castro, a proba atlética máis curta e ao tempo máis dura das que se celebran en Galicia.
 
O concelleiro de Deportes, Manel Fernández, deu a saída e entregou as medallas aos podios xa no Castro. 
 
No décimo aniversario desta idea levada a cabo por Guillermo Janeiro (Singletrack Outdoor Sports), o rompepernas para escaladores que comeza en Montero Ríos e, uns 3.000 metros despois, conclúe na fortaleza do Castro, tivo todos os condimentos para converterse nunha proba para lembrar: o defensor do título no circuíto Run Run Vigo de carreiras populares, Daniel Bargiela (Bikila), necesitaba rematar por diante de José Alberto Bastos (ADN Runners) para gañar a xeral M-1 (nacidos de 1977 a 1996), mentres que Ester Navarrete, que tamén se adxudicou o circuíto municipal en 2015, tiña que puntuar para cumprir co reglamento que obriga a correr un mínimo de seis das dez probas.
 
Cun día espléndido, máis de 300 corredores en liña de saída e enorme expectación, especialmente no monte do Castro, a batalla foi espectacular. Dende a chegada do primeiro, Bernárdez, aos últimos clasificados pasaron máis de vinte minutos entre comentarios de "non podo máis, dáme igual quen vén detrás" e os berros de ánimo do público, que tentaba dar un extra de aire a Bastos, vencedor o día antes da Nocturna de Bembrive, e xa a varios segundos de desventaja sobre Bargiela cando empezaban os malditos chanzos, ese muro que en dez anos axigantou a lenda da Subida. 
 
O inicio da interminable ringleira de escaleiras de pedra acompañada da esixente ascensión xa non dá para recuperar posicións: O Castro é aos adelantamientos o que o G.P. de Montecarlo á F-1: ou rompes ou ninguén che supera. E Bargiela, que nunca puido gañar esta carreira, soubo dosificarse para, con 11:34 minutos, acabar terceiro e manter o trono do mellor corredor do circuíto; Bastos asinou 7 segundos máis e concluíu quinto. O ponteareano segue sendo o rei.
 
Navarrete, pola súa banda, só necesitaba puntuar e cumprir, pero a viguesa non sabe o que é saír de paseo e gañou a categoría feminina por segundo ano consecutivo, o que ningunha outra muller logrou ata a data. Iguala a vitorias con Águeda Blanco, que venceu en 2009 e 2013.
 
Ademais, nas outras categorías onde non estaba decidido o título do circuíto, Loli García (Fisioterapia San Lázaro) fixo bos os pronósticos (F-4, de 1976 e anteriores) e José Jardón (Comesaña Sporting Club) superaba por un posto ao líder Roberto Rey (M-4), ao que desbancaba. 
 
Como xa se sabía, Blanca Labandeira (Fisioterapia San Lázaro) impúxose no Run Run Vigo en F-2 (1967 a 1976) e Mari Carmen Costas Valverde (Sociedade Atlética Val Miñor) en F-3 (1957 a 1966). En homes, triunfo nesta liga municipal para Manuel Enrique Estévez (A Canuda Seguros Bilbao) en M-2 e Antonio Fuertes (Celta) en M-3. 
 
Palmarés Subida ao Castro (pdf)