o MG 4536Brillante homenaxe tributada a Pablo Beiro este mércores no pavillón municipal boucense que leva o nome de quen durante máis de trinta anos foi o presidente do C.D. Amfiv.
 
Os actos iniciáronse cun partido entre os integrantes do MasVisión Amfiv B, o filial do conxunto vigués, seguido por outro divertido encontro entre as xogadoras do Celta Zorka feminino e os do Seis do Nadal, cos dous equipos en cadeira de rodas.
 
A continuación chegou o momento máis emotivo da xornada coa presentación do primeiro equipo, o filial e as escolas deportivas de baloncesto e natación do Amfiv, así como dos voluntarios que cada semana colaboran de forma altruísta nelas.
 
Todas as administracións públicas quixeron estar presentes e brindar o seu apoio á familia Beiro e ao Amfiv nun día tan sinalado como o que foi o Trofeo Cidade de Vigo - I Memorial Pablo Beiro. O de menos, o resultado final do choque do Amfiv co Fundación Grupo Norte de Valladolid (54-47).