Cabecera Vide

Cío García e Marta Domínguez gañaron en Santiago a Copa de España sub 17 para o Vigo Squash

vigo squashO Vigo Squash foi o gran protagonista da Copa de España sub-13 e sub-17 que se disputou a pasada fin de semana en Santiago.
 
Porque houbo dominio total olívico en sub 17, con vitoria de Cío García na categoría masculina e de Marta Domínguez na feminina, na que a súa irmá María ocupou a segunda posición. Ademais, Sofía Rodríguez foi terceira en sub-13.
 
O conxunto vigués foi quen de presentar o meirande número de deportistas en competición e o que ocupou máis podios.
 
Cío García tivo que empregarse a fondo para converterse no gañador da categoría sub-17. O nivel dos rivais era moi alto e podíanse contabilizar ata dez candidatos ao triunfo final. Con todo, o vigués amosou atoparse en plena forma e recuperado dos seus problemas físicos dos últimos meses. Na final atopouse con Iván Pérez, tamén considerado outro dos candidatos á vitoria. O partido foi intenso e duro. Decidiuse a favor de Cío García por escasa marxe.
 
Marta Domínguez superou na final feminina á súa irmá María. Foi unha final inédita, xa que non existen precedentes de que dúas irmás se presentasen a xogar o partido decisivo dunha Copa de España. Marta Domínguez exerceu a súa superioridade, tal como demostrou ao longo do torneo. Venceu en todos os seus partidos por 3-0.
 
Pola súa banda, Sofía Rodríguez acadou o bronce sub-13. A xogadora do Vigo Squash volve confirmar que se atopa entre as mellores do circuíto nacional. Aínda lle queda marxe de mellora, pero transmite moi boas sensacións para o futuro.
 
O Vigo Squash segue a promocionar a canteira. O club traballa con intensidade nas instalacións municipais baixo a bancada de Río do estadio de Balaídos. Ten xa aberto o prazo de inscrición para o programa municipal de escolas deportivas. Ao longo da tempada, os seus compoñentes participarán en varios torneos a nivel nacional e tamén o club organizará diversas competicións.