O campionato dos mil ollos proxectou Vigo a través de internet

Imprimir

taekwondovigo3 O pavillón central de As Travesas viviu mil batallas dende a súa inauguración no verán de 1968, para 5.500 espectadores, e a súa remodelación integral en 1999, para 3.300 espectadores, todos sentados.

Hóckey a patíns (Europeo junior masculino de 1968 e 1969), patinaxe artística (Mundiais de 1968, Europeo de 2002) ou baloncesto (Europeo junior masculino de 1968, Europeo junior feminino de 1974, Europa-América FIBA-NCAA de 1973, preolímpico de 1992), por citar só algúns exemplos, mostraron as súas mellores galas internacionais e espectáculos ante a mirada de miles de afeccionados. Pero nunca como estes tres días os nobres alicerces do pavillón central inaugurado por Samaranch gozaron dun evento de mil ollos.

O propio deseño de cada combate, con cámaras vixiando calquera movemento e sensores para detectar os golpes no peto Daedo, cada patada, cada xiro, provocaron que o espectáculo non só estea no tapiz ou a bancada, senón nos mil ollos que espiron cada acción. Os combates, en directo polo portal oficial dos Europeos sub 21 (www.vigo09tkd.com) e dende a web da Federación Española de Taekwondo (www.fetaekwondo.net) tamén deron outra dimensión a este torneo oficial internacional: é a primeira vez que un campionato continental que se xoga en Vigo ten cobertura en vivo a través de internet. A publicidade estática fai palillos.

Mentres, as videocámaras fan furor. A zona alta de televisión, na bancada lateral que dá ao campo do fútbol do IMD, é un enxame de pequenos ollos espiando os combates. Aí estiveron, fundamentalmente, técnicos, pero sen esquecer algún familiar. A xornada sabatina, ao sumarse as cámaras de Televisión de Galicia, foi o día dos mil ollos.