O taekwondo continental citarase un día antes do Europeo sub 21 en Vigo para tratar diversos asuntos de importancia na Asemblea Xeral da Unión Europea de Taekwondo (ETU). Vigo será a capital desta arte marcial, que hoxe, xoves, día 5 na Casa do Deporte de Vigo (14.30 horas) debaterá durante tres horas sobre unha orde do día moi completa.
A apertura da asemblea, por parte do grego Athanassios Pragalos, presidente da ETU, dará paso a diversos asuntos, entre os cales figura a aprobación das contas anuais e do orzamento para 2010, ademais do informe do presidente, un dos puntos importantes pois analizará a situación do taekwondo da vella Europa. En Vigo fixarase a próxima asemblea xeral. Pero, sobre todo, a reunión das asociacións e federacións nacionais (hai 43 inscritas na ETU) será a primeira logo da reelección o pasado día 13 en Copenhague do surcoreano Chung-Won Choue como presidente da Federación Mundial de Taekwondo (WTF). Choue é o máximo responsable mundial dende 2004 deste deporte olímpico.