Cabecera Vide

O CESU trata en Vigo temas sobre o deporte mundial universitario e prepara o Foro FISU do 2010

visitamarO Comité para o Estudo do Deporte Universitario (CESU) mantivo hoxe en Vigo a primeira das dúas xornadas de traballo sobre dous dos futuros eventos que organiza a Federación Internacional de Deporte Universitario (FISU), as Universiadas de verán de Shenzen 2011 e Gwang-ju 2015, e sobre os resultados da última Universiada, este verán en Belgrado.

Presidido polo francés Claude-Louis Gallien, o comité reuniuse no Centro Social Caixanova durante dúas horas e media para logo visitar o campus da Universidade de Vigo en As Lagoas-Marcosende e acudir á recepción que o tenente de alcalde ofreceu á comitiva no Concello.

O comité local organizador, liderado pola vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, Maruxa Cabeza, e co apoio de Juan Manuel Hueli, xefe da área de Promoción Deportiva do Consejo Superior de Deportes, recibiu aos membros da FISU, da que Gallien é vicepresidente primeiro. Tras a visita ao campus, Santiago Domínguez, tenente de alcalde, recibiu aos membros do CESU na galería da Alcaldía, asegurándolles “a clara vinculación de Vigo ao mundo do deporte e da Universidade”. Tras o que o político nacionalista definiu como “unha gran experiencia” (a candidatura viguesa á Universiada de 2013), Santiago Domínguez asegurou aos dirixentes deportivos que “queremos seguir apostando polo movemento universitario deportivo e envorcarémonos nos próximos eventos como se merecen”, dixo. O tenente de alcalde estivo acompañado na recepción pola vicerreitora, o representante do CSD, a concelleira de Benestar Social, María Méndez, a directora xerente de VIDE, Laura Magdalena, o coordinador xeral de Tenencia de Alcaldía, José Ángel Otero, e o responsable do Servizo de Deportes da Uvigo, Javier Rial. Gallien, na súa intervención, asegurou que “Vigo gustará aos estudantes”.

Os visitantes recibiron un agasallo institucional (o último libro editado sobre a cidade) e o CESU tamén ofreceu un obsequio a Santiago Domínguez. Mañá sábado, a comisión será informada polo comité local da marcha organizativa do Foro FISU de 2010 en Vigo e visitará o Centro Social Caixanova e diversos hoteis, tanto polo Foro FISU 2010 como os Mundiais.

O CESU componse de doce membros e responde da organización do Foro FISU, da Conferencia e do Foro de Reitores. Vigo albergará en 2010 o Foro FISU, punto de encontro de dirixentes universitarios e estudantes cada dous anos, e dos Mundiais universitarios de taekwondo.