Cabecera Vide

Caballero di que a XV Festa da Rítmica "é un dos eventos máis importantes das escolas deportivas do IMD"

diaximnasiaO alcalde de Vigo, Abel Caballero, acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, destacou a XV Festa Día da Rítmica, este domingo día 3 ás 10:00 horas nas Travesas, como "un dos eventos máis importantes" de peche oficial da tempada das escolas deportivas municipais.

Caballero lembrou que a xornada de exhibición está organizada polo Instituto Municipal de Deportes e o Club Maniotas, pertencente ademais ao programa Siareiros Club da Fundación VIDE.

Dende o 17 de maio, que se clausuraron as escolas de patinaxe coa participación de 1.954 patinadoras e patinadores, ata o vindeiro 10 de xuño, as escolas deportivas irán pondo punto final ao curso 2011/2012.

Esta fin de semana péchanse, ademais da ximnasia rítmica, a escola de fútbol 7, coa presenza de 400 nenos e nenas (sábado 2, Samil), a natación sincronizada (sábado 2, 16:00 horas, piscina do Carme), con 84 participantes, e o voleibol (sábado 2, 10:00 horas, Teis), con 164 inscritos e inscritas na xornada final.

Na Festa da Rítmica hai 50 grupos participantes do Maniotas, as escolas municipais, catorce colexios de Vigo (Mestres Goldar, San José da Guía, Chouzo, Seis do Nadal, San Salvador, Carrasqueira, Apóstol Santiago, Rosalía de Castro, Pintor Laxeiro, Teis Frián, Celso Emilio Ferreiro, Montesol, Acacias e Coutada Beade) e colexios de Chapela (Laredo), Redondela (CEP Redondela) e Mos (Esclavas de la Virgen Dolorosa).

Na suma das súas modalidades (rítmica, acrobática e artística), a ximnasia tivo este ano 456 alumnos e alumnas, e é o terceiro deporte máis importante do programa de escolas, tras fútbol (1.180) e patinaxe artística (568). O alcalde tamén significou "o valor das escolas" deste ano, con 4.091 participantes, desvelando que a cifra incrementouse "pola súa gran oferta de actividades e prezo moi asequible".

Lorena Reboredo, responsable da área deportiva do Maniotas, asegurou que a Festa da Rítmica "é un día moi importante para as ximnastas por poder verse nun gran pavillón como o das Travesas e con tanto público para competir e amosar o seu traballo. O Maniotas nútrese da canteira e esta é unha oportunidade para gozar da rítmica de base". Á rolda cos medios informativos na sala de prensa de Alcaldía acudiron tamén dúas ximnastas do Maniotas de ximnasia estética, Tamara Rodríguez e Laura González.

O primeiro grupo en saír á pista central do IMD será un grupo de nove rapazas do colexio Mestres Goldar, cunha exhibición de mans libres; ao redor das 13:25 horas actuará o Maniotas de rítmica, dezaoito ximnastas con mans libres e churros. Pechará o espectáculo o equipo de ximnasia estética do Maniotas, hai unha semana no Campionato do Mundo, en Cartaxena.