Ascenso CN Vigo Rías Baixas2017O Club Natación Vigo Rías Baixas, organizador da Liga Concello de Vigo de natación escolar, atópase no mellor momento do ano ao obter días atrás o ascenso a 2ª División, tras disputarse a fase final da Liga Galega na piscina da Cañiza.
 
A nova entidade viguesa que preside Antonio Vázquez certificou na fase de ascenso a súa excelente traxectoria durante a tempada, na que tivo como rivais á Universidade de Santiago, a A.D. Fogar de Carballo, aos clubs de natación Cedeira, Monforte de Lemon, Salnés e Mos, e á A.D. triatlón Oleiros.
 
Na liga, composta por tres xornadas disputadas dúas en Carballo e outra en Monforte, o conxunto vigués foi sucesivamente terceiro, segundo e primeiro, sumando 756,5 puntos en dura pugna coa A.D. Fogar (754), o C.N. Monforte (710), o C.N. Cedeira (691) e a USC (674). Dos oito clubs só tres pasaban á fase de ascenso.
 
Xa na fase final, ante coruñeses (A.D. Fogar) e lucenses (C.N. Monforte), o Rías estivo espectacular. Rematou subcampión por un só punto (364 do club monfortino por 363 dos vigueses), pero asegurouse o ascenso, pois a A.D. Fogar, que fixera unha serie 1-3-2 nas xornadas previas, apenas chegou aos 311 puntos o día decisivo.
 
Na Cañiza, das 36 probas programadas entre categoría masculina e feminina, a expedición viguesa logrou a máxima puntuación en dez probas individuais (7 puntos para o vencedor) e nunha de relevos (14 puntos). Así, en categoría feminina caían as vitorias de Nina Rodríguez en 50 bolboreta (30.57), 50 (27.90) e 100 libres (1.01.35), de Naira Vázquez en 200 bolboreta (2:41.51) e de Raquel Lago en 50 costas (33.16). Por equipos, triunfo en relevos 4x50 estilos (Raquel Lago, Victoria Calabresi, Nina Rodríguez e Malena Iglesias), que parou o crono en 2:13.51. 
 
En mozos, triunfos de Diego Lago en 50 bolboreta (27.56), Adrián Bouza en 200 bolboreta (2:13.37) e 200 braza (2:28.36), Pedro Castro en 1.500 libre (17:41.21) e Anxo Fernández (33.97) en 50 braza. 
 
Nina Rodríguez e Pedro Castro, nacidos ambos en 2002, son os máis novos valores do Vigo Rías Baixas que cosecharon a vitoria no vaso da Cañiza.
 
Para a tempada 2017/18 o Vigo Rías Baixas medirase, ademais de ao tamén ascendido C.N. Monforte, ao Náutico Narón e ao C.N. Ponteareas, descendidos de 1ª División, e aos clubs de natación Xove e Arzúa, que conseguiron a permanencia. A Liga Galega está estruturada en catro categorías, de División de Honra a 3ª División.
 
A entidade que preside Antonio Vázquez, ademais de vivir a euforia do ascenso, pecha o vindeiro día 28 outra exitosa tempada da Liga Concello de Vigo para escolares, na piscina do Carme, e xa traballa noutro evento de gran interese e relevancia para a natación galega.
 
Para o presidente de VIDE, Manel Fernández, este éxito é o premio a un bo traballo da entidade, unha das que pertence ao programa Siareiros da Fundación Vigo en Deporte.