Cross escolar2O alcalde de Vigo presentou unha nova tempada de cross para escolares anunciando a primeira proba para este domingo ás 10:30 horas no colexio Monterrey.
 
Acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, e por representantes de todos os centros educativos da cidade que desenvolven a iniciativa xunto coa Agrupación de Atletismo Escolar Xóvenes Atletas, o rexedor animou aos centros de ensino a continuar con este "magnífico labor".
 
O circuíto de carreiras está integrado no programa municipal "Deporte e saúde" no que os colexios reciben total apoio do Concello: dorsais, medallas (para todos os participantes), arco de saída, bandeirolas... ademais de Policía Local e Protección Civil. Esta acción municipal busca o primeiro contacto do alumnado co atletismo e dinamizarlo dende a base.
 
As probas de cross desenvólvense en Travesía de Vigo (contorna do colexio Monterrey), San Andrés de Comesaña, Beade, Bembrive, Castrelos e Teis. Trala carreira do domingo (VII Cross Monterrey) será a quenda para o XXVIII Cross Párroco Don Camilo (26 de marzo), o XLI Cross Coutada Beade (2 de abril), o XXXVIII Cross Mosteiro Bembrive (23 de abril), o XXII Cross El Castro San Miguel (22 de outubro) e o III Cross Frián Teis (19 de novembro). Nesta competición participan máis de 3.000 nenas e nenos.
 
Ao encontro con alcalde e co concelleiro acudiron Leandro Rodríguez e Belarmino Alonso (Agrupación Xóvenes Atletas), Marina González (Colexio Monterrey), David Morales e Ramón Rodríguez (Grupo Educativo El Castro San Miguel), Antero Docampo (CEIP Párroco Don Camilo), Marga García (CEIP Mosteiro Bembrive) e Paula Millos (CEIP Frián Teis).
 
Todo o que necesitades saber sobre o programa, no folleto informativo: