Cabecera Vide

Fixada a entrega de dorsais da San Silvestre viguesa do 26 ao 30 na tenda de deportes Decathlon do parque comercial Meixueiro

Decathlon webA entrega de dorsais para a San Silvestre viguesa comezará o vindeiro luns 26 e non hoxe. Finalmente así o decidiu a organización da proba atlética non competitiva tras terse ampliado o prazo de inscrición ata o vindeiro domingo 25.
 
A firma Decathlon, un dos patrocinadores privados da proba que dinamiza o Concello de Vigo, será a encargada de distribuír os dorsais dende o luns 26 ata o venres 30 nas súas instalacións do parque comercial Meixueiro (na autovía A-55).
 
A organización optou por centralizar esta acción na gran tenda de deportes do Meixueiro por un dobre motivo: debido á súa capacidade para atender ao tempo a todo aquel que se achegue a retirar o seu número e pola flexibilidade horaria que ese centro permite (aberto de 9:00 a 22:00 horas de luns a venres). A Concellería de Deportes ten a garantía de Decathlon dun excelente servizo, como é habitual nese centro que xa foi punto de referencia para outras probas deportivas realizadas na cidade este mesmo ano.
 
Dende a San Silvestre tamén se permitirá que unha mesma persoa poida recoller varios dorsais. Será dabondo con que presente unha fotocopia do DNI do deportista anotado (ou unha imaxe dese documento) para obter o dorsal do compañeiro ou amigo.
 
Para satisfacción do concelleiro de Deportes, Manel Fernández, Decathlon envorcouse coa proba, unha festa do atletismo en familia, e a organización xa prepara varias sorpresas para o día 31, cando a carreira celebre a súa decimosegunda edición (17:00 horas, Areal).