Caballero insta á cidadanía a que demostre que "nos gusta o running" na carreira Ponle Freno

Imprimir

ponlefreoO alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou onte, acompañado polo presidente de VIDE e concelleiro de Deportes, Manel Fernández, e por responsables da organización e da asociación Alento, a carreira Ponle Freno, que se celebrará ás 10,00 horas do domingo 19 de xuño no centro de Vigo e contará con dúas opcións para os participantes, de 5 e 10 quilómetros.

O rexedor definiu esta proba como "un gran evento deportivo con vectores de acción social" e lembrou a Atresmedia, organizadora desta carreira, que "en Vigo gústanos o running especialmente e practicámolo de forma continua", dixo.

Caballero animou á cidadanía a participar -a inscrición está aberta na web ponlefreno.com ata trinta minutos antes do evento- e tamén chanceou coa ausencia dunha distancia para alcaldes: "Deberían facer unha para alcaldes que non corran moito coma eu, para correr 500 metros e retirarme", manifestou entre risas.

Pola súa banda, Josep Alfonso Caro, director do Centro de Estudos Ponle Freno-Axa, apuntou que a recadación íntegra irá á asociación Alento, que traballa con persoas con dano cerebral adquirido, e asegurou que esta iniciativa pretende "concienciar para a redución dos accidentes de tráfico".

A carreira, nacida en 2009, estendeuse dende Madrid ao resto do país hai un ano (Vitoria e Tenerife) e agora é a quenda de Vigo. "Tiñamos moi claro que tiña que ser aquí por ser unha cidade cunha actividade moi significativa en todos os sectores", indicou Caro.

A recadación suporá para Alento, cuxo representante sentiuse "abrumado" por esta colaboración, a posibilidade de "equipar e poñer en marcha a piscina terapéutica", dixo Gonzalo Mira, xerente da asociación. "É un circuíto urbano sinxelo en grao sumo para que participe o meirande número de xente", subliñou Álvaro Pitto, director comercial de Atresmedia Eventos.

A saída e meta estará situada na confluencia de Areal, Alameda e Colón, e o circuíto pasará por Policarpo Sanz, Porta do Sol, Elduayen, Paseo de Alfonso XII e Falperra para voltar polas mesmas rúas ata chegar a Pi y Margall e García Barbón e retornar dende a rotonda de Sanjurjo Badía (sen ocupala) por García Barbón, Isaac Peral, Areal, Pontevedra, Rosalía de Castro e Colón e rematar no punto de saída.

O sábado 18 poderanse recoller os dorsais no Centro Comercial Camelias (11:00-20:00 horas).