Levántase o pano para o Vigo Voleibol

Mañá comeza unha nova tempada para o Club Vigo Voleibol onde todos teñen posta unha grande esperanza e optimismo. A preparación de pretempada foi a ideal e a que pediron os novos técnicos. O mínimo de catro encontros disputáronse, sempre contra equipos portugueses, e en todos eles renderon a un bo nivel.

Non hai lesionados e todos eles estarán ás órdenes de Suso Penedo e Yolanda Sienes, o que significa que os afeccionados locais poderán ver, e sobre todo calibrar do que poden ser capaces nesta tempada onde non deixarán sorprenderse polos nomes dalgúns xogadores aos que se enfrontarán, mesmo algún deles ex compañeiros deles ata fai ben pouco.

Chega Xátiva

Mañá, ás 18.30 h, como é habitual, no Pavillón de Coia comeza un novo reto para o conxunto vigués que despois de moitas tempadas na máxima categoría agora está a disputar a segunda pero coa mesma ilusión e ganas coma se fose a primeira.

O primeiro visitante e co que se inicia a competición 15-16 é a Xátiva de Valencia. Equipo recén ascendido e que vén á nosa cidade tamén a calibrar as súas posibilidades de cara a esta nova, para eles, competición. É o conxunto máximo representante da provincia de Valencia e chegan coa firme intención de levarse os tres puntos en disputa. Forman un equipo metade xuventude e metade veteranía feito para estar entre os catro primeiros ao final da primeira volta que lles daría a posibilidade de disputar a Príncipe de Asturias. Xunto a este obxectivo tamén teñen o de estar entre os mellores ao final de ola competición. Non debemos esquecer que esta tempada xogarán equipos que descenderon da máxima categoría como o EMEVE e doutros que son serios aspirantes a estar nela. Algúns conxuntos como Badajoz se reforzou con varios estranxeiros para poder estar entre os dous equipos que consigan o ascenso.

Os vigueses queren ir mais devagar toda vez que os ascensos tambien necesitan de apoios económicos distintos aos das institucións e isto é algo que de momento na nosa cidade non se está a dar.

O pavillón de Coia rexistrará unha grande entrada para presenciar este primeiro encontro e non dende o Club non dubidan que os afeccionados estarán do lado local para tratar de conseguir os tres primeiros puntos da tempada e desta forma iniciala cun bo pé.