Cabecera Vide

Vigo acollerá por primeira vez en España un campionato internacional de Street Stunts

saltosO alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o presidente de VIDE e concelleiro de Deportes, Manel Fernández, participaron o pasado mércores na presentación de Vigo Street Stunts International 2015, onde os 16 mellores saltadores do mundo tomarán parte no evento que se celebrará os días 11 e 12 de setembro.

Un destacado elenco de actuacións arropará o espectáculo, que terá lugar na explada do Náutico. Caballero felicitou aos organizadores e ve o evento como un proxecto de "longo percorrido" na cidade. "No mundo da creatividade e das ideas, Vigo tamén ocupa o seu lugar", indicou Caballero antes de felicitar aos organizadores pola iniciativa, ademais de aos colaboradores e patrocinadores. O alcalde invitou á cidadanía a presenciar o Vigo Street Stunts e salientou que as culturas urbanas xeran "movilización", considerou "bo que emerxan en Vigo" e a "obriga" das institucións é apoiar este tipo de propostas. Caballero apuntou que entende o proxecto como de "longo percorrido".

A cidade olívica acollerá, por primeira vez en España, un campionato internacional de Street Stunts, modalidade deportiva máis coñecida polas acrobacias que, utilizando o propio mobiliario urbano, executan saltadores a xeito de acrobacias.

A cita está programada por para os días 11 e 12 de setembro próximos e nela tomarán parte os 16 mellores stunters do mundo, nun evento que se celebrará nun espectacular escenario de obstáculos deseñado e adaptado á fachada do Real Club Náutico de Vigo.

Vigo Street Stunts esta organizado pola axencia de publicidade e servizos globais Ideas de Percebe; dap·dap!, axencia de mercadotecnia online, contando coa colaboración de GUP (Galizian Urban Proyect), colectivo de atletas galegos especializados nesta actividade deportiva, consolidados no amplo panorama intercontinental como un referente do parkour e o freerunning. A proposta nace co obxectivo de converterse nun dos maiores espectáculos dentro das modalidades do denominado deporte urbano.

O Street Stunts é un tipo de actividade extrema practicada polos chamados street stunters ou stunters. Caracterízase polos seus elegantes e acrobáticos movementos, propios da ximnasia olímpica, definida baixo o nome de "ximnasia urbana". Contén similitudes con outras disciplinas como as artes marciais ou o breakdance.

O Street Stunts caracterízase pola implementación de movementos extremos nas habilidades físicas do ser humano, como o Handstands (equilibrio ou parada de mans); Flips (máis coñecido como saltos mortais); o Barhold (ou bandeira) e que son mesturados, de xeito común, con movementos de igual similitude que os que se poden ver no Parkour.

Para o seu completo desenvolvemento Ideas do Percebe, dap·dap!, GUP e o arquitecto Juan Iglesias, do prestixioso estudo EUA, deseñaron un escenario de obstáculos que estará situado diante da fachada máis urbana do Real Club Náutico de Vigo, dende a que terá lugar a presentación dos stunters e se dará inicio á proba.

O evento estará arroupado con actuacións en directo de prestixiosos grupos de música, DJS e grupos de diferentes bailes da cultura urbana, que serán os encargados de dinamizar o espectáculo, tanto na xornada de adestramentos coma na de competición.

O campionato internacional é posible grazas ao patrocinio do Concello de Vigo, Mahou, Augas de Mondariz e TNT, contando coa colaboración da Autoridade Portuaria do Porto de Vigo, Zona Franca, Deporte Galego de la Xunta de Galicia, Real Club Náutico de Vigo, a TVG, Europa FM, Idea Group, Pinturas PROA e Montana Colors.

As redes sociais serán un dos soportes de comunicación mais activos para obter un maior coñecemento e información do desenvolvemento do campionato, con interactuacións en Facebook, Twitter, Instagram e Youtube, tendo como referencia en Internet, entre outros, o sitio web http://www.vigostreetstunts.com/