Cabecera Vide

O Concello garante unha xestión máis dinámica das pistas de Balaídos, acollida con satisfacción polos clubes, e propón novas probas

reunion atletismo O presidente de VIDE e concelleiro de Deportes, Manel Fernández, mantivo na mañá do venres unha reunión de traballo cos clubs vigueses de atletismo usuarios habituais das pistas municipais de Balaídos para facerlles chegar diversas propostas de dinamización sobre a instalación.

No encontro, ao que acudiron presidentes e representantes do Comesaña Sporting Club, Real Club Celta, S.D. San Miguel, AVA e Celta Feminino, o edil anunciou un mellor servizo na xestión das pistas ao asumilas o Concello e garantir "maior capacidade operativa e funcional" das mesmas.

Fernández indicou que están garantidos os horarios habituais de apertura e peche da instalación e que o Concello está en condicións de mellorar o axuste de horarios na fin de semana "en función das suxestións e necesidades que nos fagan os propios clubs vigueses". O concelleiro lembrou que ata agora o Concello asumía o mantemento e limpeza das pistas e manifestou que a situación non cambiará, do mesmo xeito que o Concello corría cos gastos de alumeado, reposición de fontanería ou equipamientos.

Na reunión, ademais, Manel Fernández comunicou que tanto as Series Municipais de atletismo (seis carreiras) como o Gran Premio Cidade de Vigo "serán financiados polo goberno vigués" como estaba previsto porque o interese municipal é "dinamizar esta modalidade". Ademais, a Concellería de Deportes propuxo ás entidades deportivas que incrementen o número de probas no tartán de Balaídos, ao entender o Concello que hai marxe para optimizar as pistas.

Para rematar, o concelleiro propuxo crear un grupo de traballo, que será encabezado por el mesmo cos presidentes dos clubs, para tratar a normativa de uso da instalación, o procedemento de petición de horarios para probas e adestramentos e para perfilar tantos as Series Municipais como o Gran Premio Cidade de Vigo. Dende o Concello afírmase que o investimento na actividade deportiva atlética é unha decisión firme e asegúrase que Balaídos "está aberto ao desenrolo do atletismo para todos aqueles clubs que o soliciten". A reunión do grupo de traballo xa ten data: o día 16 ás 18:00 horas.

Os clubs manifestaron ao edil a súa satisfacción pola xestión pública das instalacións, amosaron tamén o seu agrado pola posibilidade de contar con máis horas de apertura e estudarán a organización de máis probas. De feito, o AVA solicitou á Federación Galega o Campionato de Galicia individual cadete e tamén o Galego benxamín, alevín e infantil por equipos, ambos para o mes de maio.

Para rematar, o concelleiro acolleu con agarimo e interese a proposta dos clubs de organizar dúas probas pedestres populares (San Xoán e Gran Premio de Nadal), que recolle a invitación feita polo propio concelleiro en xaneiro. Na reunión mantida cos clubs e a delegación viguesa da Federación Galega de Atletismo o 14 de xaneiro pasado, Manel Fernández xa invitara aos presentes a remitir ao Concello a solicitude de organización das probas. Tres semanas despois o concelleiro mantivo a mesma posición: o departamento de Deportes necesita a solicitude por escrito de organización das probas para valorar o proxecto.

Na reunión no Concello, os clubs recoñeceron abertamente que ambas probas eran organizadas de forma "deficiente" pola FGA (a mesma tese que manifestaba o Concello) e que por iso entendían que sería positivo para o atletismo local que sexan as propias entidades as que as asuman.