Cabecera Vide

Os equipos infantís e cadetes do Seis do Nadal Coia entre os mellores nas divisións de honra autonómicas

Foto de equipo Distevi Seis do Nadal CoiaO Distevi Seis do Nadal Coia proclamouse campión da División de Honra infantil masculina Autonómica a falta de tres xornadas para que conclúa a liga e sen perder ningún partido. A superioridade do equipo que adestra Mingos foi moi grande esta temporada.

Non hai máis que botar un ollo as estatísticas. Nos 19 encontros que se levan desputados, os vigueses conseguiron 672 goles a favor e encaixaron menos da metade, 324. A consecución do título autonómico garántelle  ademais ao Distevi unha praza no Sector do Campionato de España da súa categoría.

O Seis do Nadal Coia espera poder clasificar para esa cita a outros tres equipos, o infantil feminino e os cadetes masculino e feminino.

O Seis do Nadal Coia infantil feminino aupouse ao liderado da división de honra autonómica dentro da súa categoría tras imporse ao Carballal e arrebatarlle o primeiro posto esta pasada fin de semana. Ámbolos equipos chegan as cinco últimas xornadas empatados a puntos pero son as viguesas as que  contan co golaverage a favor en caso de empate. E este vindeiro sábado poden dar un paso máis cara a consecución do seu obxectivo xa que visitan a cancha do colista, o Balonmán Tui.

O Paleo Training Seis do Nadal Coia cadete masculino venceu tamén o seu partido desta pasada fin de semana, 45-34, ante ao OAR así que encarou a súa clasificación para o sector. E é que a falta de tres xornadas para que conclúa a liga, os de Coia aventaxan en 5 puntos ao terceiro clasificado. Ao Paleo Training chégalle con sumar un punto máis para asegurar a súa preseza nesa cita como segundo clasficado. E tratarán de conseguilo este sábado no encontro que lles enfronta ao Grupo Lemaco Xiria, ás 11 no pavillón de Coia.  De tódolos xeitos tampouco descartan acadar o título galego xa que tan só lle separa un punto do líder, o Academia Octavio Pizza Movil A.

Na división de honra autonómica cadete feminino a clasificación pola parte alta da táboa está máis apretada. O Globalmar Sealand Seis do Nadal Coia ocupa o liderado cun punto de vantaxe sobre o segundo e dous con respecto ao terceiro, o Carballal ante o que perderon esta pasada fin de semana. Unha derrota da que as viguesas esperan resarcirse o vindeiro sábado, ás 17 horas, na cancha del Atlético Guardés. Un partido que non se presenta nada fácil xa que o rival do Globalmar Sealand Seis do Nadal Coia ocupa a cuarta posición.