Manel Fernández, di que "Vigo vai ser esta fin de semana a capital do tuning"

Imprimir

20150225 galiexpoManel Fernández, presidente de VIDE e concelleiro de Deportes, anunciou onte que "Vigo será a capital do tuning esta fin de semana" grazas ao salón Galiexpo Motorshow que cumpre a súa novena edición no recinto ferial vigués (Ifevi).

Dende este venres ao mediodía, cando se vai inaugurar o evento, ata o domingo ás 20:00 horas, cando está prevista a clausura, o Ifevi acollerá a un gran número de expositores de clásicos, tuning, coches americanos, vehículos todoterreo, accesorios para os automóbiles, coches tuneados, motos e náutica.

O salón evolucionou tanto que a súa oferta abrangue múltiples sectores que sorprenderán na cita viguesa con "novas iniciativas, propostas e ilusións a desenvolver", explicou o edil, que lembrou que esta experiencia recibe unha media de 50.000 visitantes cada ano.

O Concello, que se envorcou con esta feira, entende que con esta actuación "pódense observar as novas tendencias no mundo do automóbil". Dentro da acción municipal para esta festa do tuning, o Concello patrocina a través da Concellería de Deportes o Trofeo Concello de Vigo Top 25 Tuning, no que participarán preparadores de coches de España, Portugal e Francia. Durante o sábado e o domingo disputarase cos vinte e cinco mellores.

Joaquín Portabales, dende a organización do Galiexpo, afirmou que coa nova dimensión do evento, que toca ata a moda ao apostar polo outlet e a presentación de novas creacións de dous novos deseñadores galegos, esta feira "é para toda a familia". O prezo da entrada diaria é de 5 euros.

Unha das sensacións da fin de semana será a preparación (tuneado) en directo dun BMW serie 3 E30. A transformación realizarase ao longo dos tres días.

O salón contará co habitual espectáculo do "drift" no pavillón 3 (con limitación de aforo por cuestións de seguridade), con exhibicións a cargo do Power Drift Team o sábado (18:40 horas) e o domingo (18:10), ademais da presentación de dous novos modelos de moto, a Honda VFR800X e a VFR800, e incorpora dúas novas apostas: o slot (o popular scalextric) e a mostra de caravanas e autocaravanas. Tamén haberá minimotos para nenos e nenas de 5 e 6 anos pertencentes á Escola de Pilotos Jorge Lorenzo e pechouse onte mesmo un acordo co piloto Dani Pérez, campión galego de quads cross no 2008, 2009 e 2010, a fin de que realice unha exhibición.

Así, o primeiro Campionato do Noroeste de slot correrá a cargo da Asociación Xuvenil Mosslot, de Mos, e disputarase o sábado a partires das 17:00 horas. Manuel Mariño, o seu representante, anunciou case un centenar de competidores de Vigo, Mos, Astorga e León para unha modalidade do slot menos coñecida: o rallye. "Queremos levantar este hobby", sostivo Mariño.

Portabales e Ricardo Goñi agradeceron o apoio do Concello, tanto dende Alcaldía como pola Concellería de Deportes porque "foi complicado chegar aquí e sen o Concello non poderiamos realizar este evento", indicaron.